Skip to main content

Continúan con violín e piano os concertos dos novos talentos musicais

Continúan con violín e piano os concertos dos novos talentos musicais
Continúan con violín e piano os concertos dos novos talentos musicais

As violinistas Patricia Túñez Gómez e Garazi Echeandia Arrondo e o pianista Lucas López López serán este mércores os protagonistas do cuarto concerto do ciclo Novos Talentos Musicais que organizan a USC e Compostela Sound. O recital, de entrada libre, será ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia).

Patricia Núñez
Patricia Túñez (Lousame, 1992), que interpretará a Sonata para violín e piano en mi menor op.82 de Edward Elgar, é graduada superior polo Conservatorio de Vigo. En 2012 entra a formar parte da Orquestra Xoven Sinfónica de Galicia ata o 2015 e dende 2013 ata hoxe é compoñente do ‘Cuarteto Animato’. Actualmente colabora coas Orquestras Filharmónica Cidade de Pontevedra, a do Coro Casablanca, a de cámara Lira Pro e a Clásica de Vigo.

No seu recital estará acompañado ao piano por Brais González, un músico novo que conta no seu haber con numerosos premios internacionais e que é fundador do Trío Caspervek, dedicado a compoñer bandas sonoras para películas de cine mudo.

Lucas López
O recital continuará coa actuación de Lucas López López (Monforte de Lemos, 2000), que tocará pezas de A. Soler, F. Momnpou e J. Turina. Na actualidade cursa o quinto curso do Grao Profesional de piano e o 2º de percusión. É membro do Coro Xoven da Orquestra Sinfónica de Galicia e desde 2015 tamén do Coro principal da OSG co que participou en óperas e concertos xunto á Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia.

Garazi Echeandia
Por último, actuará Garazi Echeandia Arrondo que, de novo con Brais González ao piano, interpretará pezas de Mozart e Brahms. Nada en Eibar en 1989, Garazi é graduada polo Centro Superior de Música do País Vasco – Musikene na especialidade de violín. Posteriormente obtivo os mestrados en Interpretación e en Pedagoxía do violín no Conservatoire Royal de Bruxelles, e o mestrado en Música Española e Hispanoamericana na Complutense. Actualmente estuda o Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais.

The contents of this page were updated on 03.07.2017.