Skip to main content

O I Congreso de Medicina e Rehabilitación de Fauna Salvaxe cita esta fin de semana máis dun centenar de persoas no Campus Terra

Cartaz do congreso
Cartaz do congreso
Germán Santamarina abre este sábado, ás 10.00 horas, no auditorio de Veterinaria, un foro organizado polas asociacións Aenda-Aves Lugo e no intervirán sete relatores

O I Congreso de Medicina e Rehabilitación de Fauna Salvaxe, un foro organizado polas asociacións Aenda-Avafes Lugo citará este fin de semana máis dun centenar de participantes no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, o escenario onde se desenvolverán as distintas sesións programadas no marco deste congreso, orientado a estudantes e profesionais interesados na recuperación de fauna salvaxe.

O decano da Facultade de Veterinaria da USC, Germán Santamarina, presidirá este sábado, a partir das 10.00 horas, a sesión de apertura deste congreso, no que intervirán como relatores ao longo de dúas xornadas un total de sete profesionais procedentes de diferentes ámbitos e lugares de España, pero que comparten como denominador común a súa gran experiencia no sector da rehabilitación de fauna salvaxe.

O biólogo e veterinario Pascual Calabuig Miranda, que traballa desde fai tres décadas no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Tarifa, abrirá a quenda de relatorios deste congreso cunha intervención sobre os rescates de cetáceos varados vivos. A rehabilitación de mamíferos salvaxes autóctonos centrará, a continuación, a intervención de Rafael Molina López, veterinario do Centro de Fauna Salvaxe de Torreferrusa, en Barcelona.

A coordinadora do máster oficial Zoonosis and One Healht da Universidade Autónoma de Barcelona, Laila Darwich, abrirá a quenda de tarde cunha exposición sobre o enfoque de saúde única que rexe nos centros de recuperación de fauna salvaxe. O director do hospital de fauna salvaxe de Amus, Álvaro Guerrero, e Jara López, veterinaria interina deste centro, pecharán a primeira xornada deste foro con intervencións referidas ao funcionamento deste complexo hospitalario, así como respecto da disciplina que se require para a recuperación e aves.

A conservación do lince ibérico e o programa de seguimento sanitario da súa poboación centrará a temática do primeiro relatorio do domingo, que correrá a cargo do veterinario Guillermo López Zamora. A actuación do veterinario en proxectos de conservación de réptiles, a rehabilitación de tartarugas e as especies invasoras completan a relación de asuntos que abordarán ao longo da xornada Albert Martínez Silvestre, veterinario responsable do Centro de Recuperación de Anfibios e Réptiles de Cataluña, e Pascual Calabuig.

The contents of this page were updated on 03.10.2017.