Un proxecto promoverá hábitos de vida saudable entre as persoas maiores baixo a premisa “coñecer para previr”
A USC e a Afundación poñerán en marcha un novo proxecto para desenvolver hábitos saudables e estilos de vida que melloren a saúde cognitiva nas persoas maiores, tomando como base a premisa “coñecer para previr”, baseada en evidencias empíricas. Así, da man de docentes e persoal investigador da Unidade de Psicoxerontoloxía da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, configúrase un programa en cuxo deseño e contidos participaron as propias persoas beneficiarias e que se está implementando actualmente como proxecto piloto nos espazos +60 Afundación de Santiago e Pontedeume.
‘Coñecendo a miña mente’ xorde a partir da detección por parte do equipo de traballo do programa de Envellecemento Activo de Afundación dunha preocupación entre as persoas socias dos espazos +60 sobre o deterioro da saúde cognitiva, as demencias, sinais de alarma e estratexias de prevención, á que non dan resposta suficiente os programas de adestramento cognitivo clásicos, comunmente coñecidos como ‘talleres de memoria’.
Tras esta fase que acaba de finalizar en Compostela e que terá o seu colofón o día 19 de febreiro en Pontedeume, o programa revisarase para adecualo ás melloras propostas polas persoas participantes. Unha vez implementados estes cambios, ‘Coñecendo a miña mente’ programarase nos 11 espazos +60 de Afundación a partir do mes de outubro, tras unha formación previa aos profesionais que impartirán os talleres.
“Cunha linguaxe adaptada e un enfoque participativo que combina teoría e práctica, o programa ten como obxectivo achegar as persoas participantes ao coñecemento científico sobre a saúde cognitiva, á súa modificabilidade, ou aos hábitos e estilos de vida que axudan a preservala, entre outros”, explican dende o equipo promotor da iniciativa. Así abordaranse os cambios psicobiolóxicos do cerebro humano a medida que se envellece e os mecanismos compensatorios que se desenvolven, a aprendizaxe para distinguir que é esperable e, pola contra, que pode considerarse un signo de alarma, que son as demencias e por que se producen, factores de risco e protectores, o estrés e os seus efectos na saúde cognitiva, a memoria e a atención e estratexias para melloralas, entre outros.
En definitiva, trátase de que as persoas participantes poidan coñecer para previr, desenvolvendo hábitos saudables e estilos de vida que melloren a saúde cognitiva, partindo sempre da evidencia empírica que achegan as investigacións desenvolvidas no últimos anos.