Skip to main content

As xornadas ‘Tempo da Psicoloxía’ abordan a incidencia do suicidio na actualidade

Facultade de Psicoloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Psicoloxía. FOTO: Santi Alvite
Desenvolveranse entre os días 19 e 22 abertas a todo o público interesado, ben de xeito presencial ou en liña previa inscrición

As xornadas Tempo da Psicoloxía desenvolverán entre os días 19 e 22 de febreiro a súa sexta edición dedicadas á análise do suicidio a través de tres palestras e unha conferencia organizadas conxuntamente entre a Facultade de Psicoloxía e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. As distintas sesións estarán abertas a todo o público interesado, con carácter gratuíto, e poderán seguirse de xeito presencial no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía así como en liña, para o que será preciso inscribirse no formulario da web https://tempodapsicoloxia.gal. Todas as intervencións comezarán ás 18.00 horas e terán unha duración estimada de 90 minutos.

O tema é unha cuestión de alta incidencia social xa que segundo as últimas estatísticas en Galicia falece, de media, unha persoa ao día por suicidio, ademais de que as condutas autolíticas son a primeira causa de morte entre as persoas de 20 a 25 anos. A comunidade científica e a Organización Mundial da Saúde apuntan que o suicidio pode previrse e tense fixado o horizonte do ano 2030 como data de referencia para reducir nun terzo o número de falecementos por esta causa no mundo.

As xornadas abordarán a incidencia deste problema dende distintos enfoques como a prevención, a intervención, o apoio comunitario e a atención na infancia e adolescencia. Na xornada do luns 19 abordarase o papel do sistema de saúde no relativo a prevención e a intervención e seguiralle un relatorio o martes sobre a influencia do ámbito comunitario, como base da prevención e o apoio. Tamén haberá espazo, o mércores 21, para a atención á infancia e á adolescencia no contexto educativo. Xa o xoves conmemorarase o Día da Psicoloxía Académica, co que rematará esta xornada.

The contents of this page were updated on 02.07.2024.