Skip to main content

A Masterclass organizada polo IGFAE abre un ano máis a porta da física de partículas a un cento de estudantes de Galicia

Poderán participar dous estudantes de 2º bacharelato de cada centro. É posible inscribir tamén a unha terceira persoa de reserva, que poderá ser admitida dependendo da evolución das inscricións.
Poderán participar dous estudantes de 2º bacharelato de cada centro. É posible inscribir tamén a unha terceira persoa de reserva, que poderá ser admitida dependendo da evolución das inscricións.
A xornada que terá lugar o 1 de marzo pretende achegar o día a día da investigación nesta disciplina, outorgar visibilidade ao traballo punteiro que se desenvolve dende a USC e espertar vocacións científicas entre o estudantado
Santiago de Compostela

O alumnado galego de 2º de bacharelato interesado na física e no mundo da investigación ten unha cita o venres 1 de marzo na USC. Un ano máis, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, organiza a Masterclass “Física de Partículas coas mans”. A xornada pretende achegar o día a día da investigación nesta disciplina, outorgar visibilidade ao traballo punteiro que se desenvolve dende Santiago de Compostela e espertar vocacións científicas entre o estudantado. A inscrición xa pode formalizarse a través dun formulario en liña.

A xornada é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas – IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear). A masterclass consistirá nunha serie de conferencias sobre física de partículas, ademais dunha sesión práctica na que se usarán datos reais obtidos no experimento CMS do CERN. O estudantado participante analizará os resultados deste traballo a través dunha videoconferencia con persoal do CERN, e con mocidade de Alxeria, Italia, Ucraína e Finlandia, que participan na xornada de maneira simultánea.

Poderán participar dous estudantes de 2º bacharelato de cada centro. É posible inscribir tamén a unha terceira persoa de reserva, que poderá ser admitida dependendo da evolución das inscricións. O profesorado acompañante pode asistir e participar na actividade, aínda que non é un requisito obrigatorio (deberá indicarse á hora de realizar a inscrición). O número máximo de participantes é de 100 estudantes. O IGFAE farase cargo da manutención durante a xornada.

“Consideramos importante contar con rapazada que poida aproveitar a experiencia, valorando principalmente a afección pola ciencia e o coñecemento do inglés, importante para seguir a videoconferencia”, explican dende a organización da iniciativa. A selección do estudantado queda á discrecionalidade do persoal docente.

Cartel do evento
Cartel do evento
The contents of this page were updated on 02.07.2024.