Este Mestrado Oficial foi deseñado para cubrir as necesidades profesionais e de investigación en todas as áreas relacionadas coa Acuicultura. O sistema empregado para o seu deseño implicou un esforzo de máis de 3 anos de reunións continuas, durante as cales participaron expertos de distintas áreas relacionadas coa acuicultura, e contando co asesoramento directo de profesionais do sector.
Para asegurar o seu éxito, o Mestrado compaxina os enfoques académico, profesional e investigador. Por iso, non só participan as tres Universidades do Sistema Universitario Galego (SUG), senón tamén todos os entes sociais que en Galicia están implicados en calquera área relacionada coa Acuicultura, incluíndo centros de formación (Instituto Galego de Formación en Acuicultura, IGAFA), centros de investigación (Instituto Español de Oceanografía, IEO, de Vigo e Coruña; Instituto de Investigacións Mariñas CSIC, Vigo; Centros de Investigacións Mariñas, CIMA, de Corón e Ribadeo), así como asociacións e Clusters de empresas como o Clúster de Acuicultura de Galicia e a Organización de Produtores de Mexilón de Galicia (OMEGA).
A docencia teórica impártese, a través de vídeoconferencia, desde as Facultades de Bioloxía e de Ciencias das tres Universidades, e de modo presencial nos centros non universitarios participantes. A docencia práctica impartirase sempre vía presencial.
Para as Prácticas en Empresa, o Mestrado conta con convenios de colaboración con máis de 20 empresas, tanto da nosa comunidade autónoma como nacionais e internacionais (en Francia, Portugal e Latinoamérica)
Os prazos de preinscrición e matrícula publícanse de modo oficial na web das universidades.
O programa de Doutoramento “Marine Science, Technology and Management” (DOMAR) é un programa que nace dentro do CEI Campus do Mar. É un programa de doutoramento internacional e transfronteirizo que ofertan as universidades integrantes do Campus do Mar: en Galicia (España) as universidades da Coruña, Santiago de Compostela (a través do Instituto de Acuicultura) e Vigo, e no norte de Portugal as universidades de Aveiro, Minho e Tras os Móntes e Alto Douro. A partir do curso 2018-19 tamén se integrará a universidade de Porto.
Ademais destas universidades, a este programa de doutoramento únense os organismos públicos de investigación españois CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e IEO (Instituto Español de Oceanografía), cos seus centros de investigación mariña situados en Galicia, Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e centros do IEO de Vigo e A Coruña.
DOMAR é unha titulación conxunta das universidades participantes no Programa de Doutoramento sendo a denominación Doutor en Marine Sciences, Technology and Management. O título fará mención tamén á área de especialización na que se encadra a tese.
A misión deste programa de doutoramento DOMAR é formar aos mellores profesionais e investigadores no ámbito das Ciencias, Tecnoloxías e Xestión do Mar nas súas diferentes aplicacións científicas, técnicas, económicas e sociais, que xere investigación de calidade e impacto internacional e que proporcione á industria novidosas ferramentas para mellorar a súa competitividade a escala global.
.