Skip to main content

Filosofía: 50 anos dunha facultade que naceu para estudar o fondo que fundamenta o coñecemento

A conferencia de Carlos Baliñas repasou medio século de vida da Facultade de Filosofía
A conferencia de Carlos Baliñas repasou medio século de vida da Facultade de Filosofía
O primeiro decano da Facultade, Carlos Baliñas, salienta nunha conferencia que estes estudos son “máis de preguntas que de respostas, de conflitos que de solucións”

Coa conferencia 'A creación da Facultade de Filosofía da USC' o profesor Carlos Baliñas, primeiro decano no período 1975-76 e posteriormente de 1978 a 1981, iniciouse hoxe xoves o programa de actividades organizado para conmemorar o medio século de vida do centro e consecuentemente destes estudos en Galicia. Baliñas foi presentado no Salón de Actos da Facultade polo actual decano, Xavier de Donato, e acompañado por parte do profesorado que impartiu aulas nesa primeira etapa, así como por profesorado que as imparte actualmente e mesmo por alumnado.

Para Carlos Baliñas, é difícil dar unha definición da filosofía, pero si salientou o feito de que é “o estudo do fondo que fundamenta o coñecemento, sexa de estudos físicos, da mente, etc” e advertiu que estes estudos son “máis de preguntas que de respostas, de conflitos que de solucións”. En canto ao propio nacemento da facultade, o profesor lembrou que as universidades no mundo occidental xorden na Idade Media como estudios xerais nos que se imparte formación sobre materias como medicina, dereito, farmacia, teoloxía e artes (trivium e cuadrivium). O ensino de filosofía encádrase dentro do ensino das artes ata que a partir do século XVIII e especialmente nos séculos XIX e XX as ensinanzas universitarias empezan a ser máis especializadas e iso fai que se creen novas facultades.

No caso galego “a bonanza económica creada polos plans de desenvolvemento” fixo que na década de 1970 se incrementara en Galicia o número de estudantes e paralelamente “o Réxime concede a creación de novas facultades se hai paz, se se evitan altercados coma os de 1968”. Neste contexto naceu en 1974 a Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, cuxa creación promoveu o propio Baliñas, quen chegara á USC en 1970; o obxectivo era conseguir unha maior especialización dos estudos que fose máis alá dos cursos comúns que se impartían para distintas licenciaturas.

As actividades de conmemoración do 50 aniversario da Facultade de Filosofía continuarán o xoves 22 de febreiro a partir das 12.30 horas cunha lección maxistral da profesora María Xosé Agra, integrante do Consello da Cultura Galega, que será impartida no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. A lección leva por título ‘Desigualdades e inxustizas: apuntamentos filosófico-políticos’. María Xosé Agra foi catedrática da área de Filosofía Moral e Política na Facultade e coordinadora do Máster de Filosofía: Coñecemento e Cidadanía.

Na primavera, a planta baixa da Facultade converterase en sala de exposicións para amosar imaxes do medio século de vida académica, libros escritos polo profesorado das catro áreas que imparten aulas no centro e outros materiais coma os textos de conferencias maxistrais. Así mesmo, haberá encontros co profesorado e con estudantes que explicarán o que fixeron no mundo laboral despois de rematar os seus estudos: desde persoas que continuaron no eido académico ás que chegaron a ocupar cargos importantes en empresas ou administracións.

The contents of this page were updated on 02.09.2024.