Skip to main content

A comisión reitora do Campus Terra da USC aproba o plan de actuación previsto para o trienio 2017-2019

Juan Viaño, no centro, preside en Lugo a comisión reitora do Campus Terra da USC
Juan Viaño, no centro, preside en Lugo a comisión reitora do Campus Terra da USC
O reitor Juan Viaño presidiu a sesión de traballo desenvolvida este martes na Vicerreitoría de Coordinación da sede universitaria luguesa

A comisión reitora do Campus Terra da USC aprobou este martes o plan de actuación para o trienio 2017-2019, un documento que recolle as diversas liñas de traballo xa incluídas no borrador do Plan de Actuación 2017-2019 remitido á Xunta de Galicia para o seu financiamento. A sesión, que estivo presidida polo reitor Juan Viaño, serviu asemade para dar conta do grao de execución do Plan de Actuación 2015-2016. O mantemento das estruturas de gobernanza internas e externas do Campus Terra, así como da unidade técnica e a consolidación das redes de valor xeradas; o desenvolvemento de plans operativos e a materialización de accións estratéxicas indicadas no plano estratéxico do Campus Terra centrarán as liñas de acción nos próximos anos. O director do Campus Terra da USC, Javier Bueno, avanzou neste senso a pretensión de dar continuidade nestes anos aos plans operativos xa comezados nos eidos da docencia, investigación, comunicación, internacionalización, especialización docente e acreditación e certificación. O Campus Terra da USC completou con éxito en 2016 o proceso de auditoría externa por parte da Enac da súa plataforma tecnolóxica da madeira estrutural, Pemade, e agora xa se está a traballar na renovación da homologación europea da Facultade de Veterinaria por parte da Eaeve prevista para 2018, dixo Bueno. Outro dos acordos adoptados pola comisión reitora do Campus Terra da USC, un órgano integrado por un total de 17 membros, entre os que figuran, ademais do reitor e dos vicerreitores Javier Bueno Lema, Andrés Barreiro Lois e Carme Silva Domínguez, decanos e directores das facultades e escolas universitarias da USC no campus de Lugo, o xerente da USC, José Manuel Villanueva; o vicerexerente do campus lugués, José Luis Cruz, así como o presidente do Consello Social da USC, José María Arias Mosquera, alude á celebración de reunións de traballo con periodicidade anual. O Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia, así como a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) son outras das institucións representadas na comisión reitora do Campus Terra da USC e que tomaron parte na reunión celebrada este martes na Vicerreitoría de Coordinación da sede universitaria luguesa, unha xuntanza na que tamén participou o secretario Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, quen tamén figura como vogal neste órgano de goberno do Campus Terra.

The contents of this page were updated on 01.24.2017.