Skip to main content

Día Internacional da Lingua Materna

Xornada 'Contar a ciencia desde nós'

21/02/2024 - 12.00 horas

Lugo
Salón de Actos

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC conmemora o Día Internacional da Lingua Materna cun evento centrado na divulgación científica

Facultade de Ciencias da USC
Facultade de Ciencias da USC

O Día Internacional da Lingua Materna é unha efeméride, proclamada pola Unesco en 1999 e adoptada posteriormente pola ONU, que cada 21 de febreiro trata de promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta.

A celebración deste 2024 ten como lema 'Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional' e, tomando como punto de partida esta idea, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias organiza o acto Contar a ciencia desde nós

Esta sesión pon o foco na importancia de formar en ciencia nas linguas maternas (no noso caso, en galego) tanto en contextos formais -ensino- como nos informais -divulgación científica-, exponse un exemplo de formación divulgativa de calidade, e recoñécese o talento divulgador da mocidade que nun futuro vai ser universitaria. 

Todo o anterior toma forma no seguinte programa de intervencións:

  1. Conferencia "Por que debes divulgar ciencia... e facelo en galego", por Laura Filloy, xornalista e redactora do portal GCiencia.
     
  2. Monólogo científico "Unha vaca moi intelixente", por Uxía Yáñez Ramil, investigadora da Facultade de Veterinaria
     
  3. Entrega de premios ás persoas gañadoras da edición 2023 do concurso Petiscos de ciencia, que premia os mellores vídeos de divulgación científica elaborados por alumnado de ensino secundario.

A asistencia é libre ata completar a capacidade do espazo e de balde, así que a Facultade de Ciencias anima a toda a comunidade do campus de Lugo a acompañalos nesta conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna, no marco dunha sesión que se desenvolverá o mércores 21 de febreiro, a partir das 12.00 horas, no salón de actos José Rodríguez Mourelo do centro universitario.

Cartel do evento 'Contar a ciencia desde nós'
Cartel do evento 'Contar a ciencia desde nós'
The contents of this page were updated on 02.15.2024.