Skip to main content

José Rodríguez González, nomeado ‘Científico Galego do Ano’ pola RAGC

Imaxe de José Rodríguez González no Paraninfo da USC
Imaxe de José Rodríguez González no Paraninfo da USC
Entre 1812 e 1814, foi o titular da cátedra de Matemáticas Sublimes na USC. Corroborou a teoría de Newton de que a terra era achatada nos polos
Santiago de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu o matemático José Rodríguez González como ‘Científico Galego do Ano’, coincidindo co bicentenario do seu falecemento. A institución salienta que “foi un científico no sentido moderno do termo e, para moitos, o primeiro de Galicia”. A Academia destaca “a súa loita desinteresada pola ciencia”. Aínda que o acto central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro no marco do ‘Día da Ciencia en Galicia’, durante todo o ano programaranse diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade. Entre 1812 e 1814, José Rodríguez González foi o titular da cátedra de Matemáticas Sublimes na USC.

José Rodríguez González (Lalín, 1770 - Santiago de Compostela, 1824) é coñecido como “o matemático do Bermés” por ter nacido da parroquia lalinense de Santa María de Bermés, ou como “Matemático Rodríguez”. En Lalín ten unha rúa co seu nome e unha escultura do seu busto no campo da festa de Bermés. Foi un dos científicos europeos máis brillantes da súa época, con grandes achegas non só ás matemáticas, senón tamén á xeometría, á astronomía, á xeografía e á mineraloxía.

Medrou no seo dunha familia humilde de labregos e puido estudar grazas á protección dun tío eclesiástico, completando a súa formación en Gramática, Aritmética e Latín. En 1790 obtivo o grao de Bacharelato en Filosofía e en 1795 o de Teoloxía. Formouse en matemáticas e física de maneira autodidacta a través das lecturas dos traballos de numerosos científicos como Newton ou Euler. En 1802 logrou, por oposición, unha cátedra de matemáticas no preparatorio da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. O tribunal remitiu un informe ao rei Carlos IV cualificando a Rodríguez de “xenio”.

Newton

Os seus múltiples contactos permitíronlle acceder a varias universidades europeas, en particular como docente de Astronomía. En 1806 foi nomeado comisario español nunha expedición internacional cuxa misión era medir o Meridiano de Dunkerque a Basilea. Esta medición foi fundamental para o establecemento da unidade de medida de lonxitude, o metro, a partir da cal se establecerían as unidades do resto de magnitudes que conforman o actual sistema métrico decimal. Así mesmo, foi o matemático que situou a Lalín como o quilómetro cero de Galicia, en concreto no lugar de Fonte Castiñeiroa, no Vento (Bermés).

En 1809 trasládase a Londres, onde realiza estudos e cálculos do meridiano de Greenwich para dilucidar se a teoría de Newton sobre que a terra era achatada nos polos era certa. Algúns científicos ingleses sostiñan que era achatada polo ecuador. O seu traballo, publicado pola London Royal Society na súa revista científica Philosophical Transactions en 1812, tivo unha gran repercusión. Así, a súa achega máis relevante á ciencia foi demostrar empiricamente que a teoría de Newton era correcta, a pesar das conclusións erróneas doutros científicos, e ademais facelo cunha maior exactitude que calquera outro matemático da época.

San Petersburgo

Viaxou a Francia e Alemaña, sendo substituído na cátedra de Matemáticas Sublimes da USC por Domingo Fontán. Empezou entón a interesarse pola mineraloxía, sendo obsequiado cunha das únicas dúas coleccións que existen no mundo de 1.024 modelos cristalográficos. Logo da súa morte, a colección pasou por varias mans e finalmente foi vendida en 1847 á Universidade de Santiago de Compostela por 4.000 reais; hoxe pode admirarse no Museo de Historia Natural, xunto a instrumental diverso da época pertencente ao matemático. Dada a súa relevancia científica a nivel mundial, o emperador ruso Alejandro II ofreceulle a dirección do Observatorio Astronómico de San Petersburgo, o que induciu a que o nomeasen director do Observatorio Astronómico de Madrid.

Labor político

A súa actividade non só foi científica, senón tamén política. Sumouse aos liberais máis progresistas e foi elixido deputado por Galicia en 1820. Declarouse a favor da división provincial de Galicia coa creación dunha quinta provincia con capital en Santiago de Compostela e amosou interese por promover o coñecemento científico e o fomento da industria. Isto levouno a defender a creación dunha Universidade Central en Madrid (actual Universidade Complutense), onde ocupou a cátedra de Astronomía. Non obstante, ao restaurar Fernando VII o  absolutismo, foi cesado e viuse obrigado a fuxir a Portugal en 1824, mantendo contacto coas universidades de Coimbra e Lisboa. Ese mesmo ano regresou a Galicia e falecería aos poucos meses na súa cidade natal. 

The contents of this page were updated on 09.30.2024.