Skip to main content

A revisión do Plan Especial do Campus activa a folla de ruta da colaboración institucional entre USC e Concello de Santiago

Reitor e alcaldesa presidiron a xuntanza da comisión. FOTO: Concello de Santiago
Reitor e alcaldesa presidiron a xuntanza da comisión. FOTO: Concello de Santiago
A creación dunha comisión de seguimento pon en funcionamento o protocolo asinado en 2023 e serve para fixar un calendario de actividades en materias de interese común para ambas as institucións
Santiago de Compostela

USC e Concello de Santiago constituíron este mércores 14 a comisión que desenvolverá o protocolo de colaboración asinado por ambas as institucións a fins do pasado ano para abordar aquelas cuestións de interese recíproco. Así, de xeito inmediato, comezará a actividade dos grupos de traballo en materia de urbanismo coa revisión do Plan Especial do Campus, así como no eido do persoal coa intención de que o estudantado da USC acceda a prácticas formativas na administración municipal. Ademais, poñerase en funcionamento un programa piloto de préstamo de bicicletas eléctricas da USC na que colabora o Concello.

“A creación desta comisión implica que o protocolo asinado o ano pasado non foi unha simple manifestación de intencións”, afirmou o reitor Antonio López facendo fincapé en que a xuntanza deste mércores serviu para “fixar un calendario de actividades” en materias de interese común para ambas as institucións. Nesta mesma liña, pronunciouse a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, ao destacar a “boa colaboración e sintonía” entre Concello e USC, deixando patente a súa vontade de “traballar de maneira unida”.

Este órgano, que se reunirá cunha periodicidade trimestral, estará integrado de xeito permanente por un equipo da xerencia da USC, así como da coordinación xeral do Concello de Santiago. O seu cometido será realizar o seguimento da actividade desenvolvida polos diversos grupos de traballo, cuxa composición irá adecuándose á temática abordada por cada un deles. A súa presidencia será rotatoria por anos naturais, comezando en 2024 pola representación do Concello. Esta Comisión elevará aos órganos de goberno das dúas institucións un informe anual sobre o grao de cumprimento dos acordos, no que dea conta tamén dos seus traballos e formule as propostas que cumpran para garantir o acordado.  

USC e Concello de Santiago definiron en novembro de 2023 un marco estable de colaboración que permitise o mantemento dunha relación permanente e que servise de “canle fluída de diálogo” na abordaxe de ámbitos estratéxicos para as dúas institucións. Tal e como se estableceu no devandito documento, as accións teñen como eixo central o desenvolvemento de Compostela e abrangue cuestións relativas a urbanismo e infraestruturas, vivenda, mobilidade, transferencia de coñecemento, prácticas formativas e proxectos de aprendizaxe e servizo, dinamización social e cultural, e igualdade.

The contents of this page were updated on 02.14.2024.