Skip to main content

O Campus Terra financia con 80.000 euros dez proxectos colaborativos de I+D liderados por persoal doutor contratado

Edificio Cactus do Campus de Lugo
Edificio Cactus do Campus de Lugo
O prazo de presentación de candidaturas, que deben integrar membros de dous ou máis grupos de investigación, permanece aberto ata o 29 de febreiro na sede electrónica da USC. A temática dos proxectos ten que estar relacionada con calquera dos 9 eixos de especialización do Campus Terra
Lugo, Santiago de Compostela

. O Campus Terra da USC financiará con ata 80.000 euros un máximo de dez proxectos colaborativos de I+D impulsados por persoal doutor contratado (non PDI) e cuxa temática estea ligada con calquera dos seus 9 eixos de especialización, segundo se recolle nas bases da convocatoria publicadas pola USC, un documento accesible en liña no que se fixa que o prazo de presentación de propostas permanece aberto ata o 29 de febreiro a través da sede electrónica da USC.

O obxecto desta convocatoria é financiar o desenvolvemento de proxectos colaborativos entre os grupos de investigación do Campus Terra, liderados por persoal investigador contratado con título de doutor (non PDI), coa finalidade de realizar estudos conxuntos que favorezan a cooperación entre grupos da mesma ou de diferentes áreas científicas e o desenvolvemento de novas liñas e capacidades. Daquela, as pescudas ou liñas de traballo propostas nas candidaturas presentadas a esta convocatoria poden contar tamén co apoio e ou a participación de empresas e outros centros de investigación.

Alén de contribuír a superar a atomización de grupos de investigación do Campus Terra,  esta segunda convocatoria de proxectos colaborativos busca tamén impulsar a carreira científica do persoal investigador contratado que posúa o título de doutor. De feito, os investigadores principais das candidaturas deben responder a este perfil.

As liñas de traballo, pescudas ou estudos plantexados nas distintas candidaturas que opten a axudas nesta segunda convocatoria de proxectos colaborativos do Campus Terra deben afondar ou, cando menos, estar ligadas con calquera dos eixos de estratéxicos deste campus de especialización da USC: Produción Vexetal e Agricultura Sostible, Produción e Saúde Animal Sostibles, Alimentación Segura e Saudable, Xestión Forestal Sostible, Tecnoloxías facilitadoras, ómicas e TICs, Cambio climático, Biodiversidade e Infraestruturas verdes, One Health ou Historia e Cultura no mundo rural.

Os proxectos deberán contar coa participación de investigadores de polo menos dous grupos do Campus Terra que figuren no Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación da USC, dos cales un deles non deberá ter vixente ningunha modalidade das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas para as universidades do SUG, financiadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O prazo de execución das propostas de I+D+i seleccionadas para o seu financiamento a través desta convocatoria será de doce meses.

O comité avaliador das candidaturas presentadas terá en conta na súa decisión a calidade das propostas (viabilidade, metodoloxía científica e deseño experimental, e adecuación do orzamento), así como o seu valor estratéxico e de oportunidade (aliñamento coas áreas de especialización do Campus Terra, participación e implicación de empresas e centros de investigación, e retornos). As persoas interesadas poden obter máis información a través do enderezo de correo electrónico campus.terra [at] usc.gal (campus[dot]terra[at]usc[dot]gal) ou nos números de teléfono 982 822 860 ou 982 822 854.

 

The contents of this page were updated on 02.15.2024.