Skip to main content

'Ciencia para xoves investigadores' achega 450 estudantes de secundaria de centros lugueses á Facultade de Ciencias

'Ciencia para xoves investigadores' achega 450 estudantes de secundaria de centros lugueses á Facultade de Ciencias
'Ciencia para xoves investigadores' achega 450 estudantes de secundaria de centros lugueses á Facultade de Ciencias
Alumnos do Saviñao e de Láncara abren este xoves un ciclo de visitas e prácticas de laboratorio que remata o 25 de xaneiro e que continuará do 22 ao 25 de maio

A Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC botará a andar este xoves 12 de xaneiro unha nova edición do ciclo ‘Ciencia para xoves investigadores’, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado polo persoal do centro universitario lugués, a través do que uns 450 estudantes de ensino secundario procedentes de 12 centros educativos da provincia de Lugo coñecerán a oferta formativa da Facultade de Ciencias e poderán desenvolver sesións prácticas nos laboratorios do centro universitario lugués.

O programa de visitas de escolares deseñado ao abeiro do ciclo 'Ciencias para xoves investigadores' desenvolverase de xeito continuado do 12 ao 25 de xaneiro, en quenda de mañá, de 10.00 a 13.30 horas. A elevada demanda de centros educativos en participar neste programa de estímulo de vocacións científicas, no que por vez primeira participan estudantes procedentes de centros educativos de fóra da capital luguesa, propiciou que a Facultade de Ciencias abrira unha nova quenda de visitas de escolares do 22 ao 25 de maio.

As distintas sesións programadas ao abeiro deste ciclo presentan unha estrutura semellante. Así, logo dun breve acto de benvida guiado polo decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, distintos profesores e persoal do centro universitario lugués conducirán sesións prácticas nos laboratorios do centro, onde os estudantes preuniversitarios poderán realizar os seus propios experimentos.

Un grupo de alumnos de 4º curso de ESO do CPI Dr. López Suárez do Saviñao e do CPI Ramón Piñeiro de Láncara abrirán este xoves, a partir das 10.00 horas, esta nova edición do ciclo 'Ciencias para novos investigadores', unha iniciativa que terá como protagonistas ata o 25 de xaneiro a estudantes do IES Ánxel Fole, Colexio María Auxiliadora, IES Sanxillao, Colexio Padres Franciscanos, Colexio San José, IES Lucus Augusti e IES Ollos Grande. O IES Leiras Pulpeiro de Lugo, así como os Colexio Marista La Inmaculda e Colexio Divino Maestro, tamén da capital luguesa, formalizaron a súa inscrición para participar neste programa do 22 ao 25 de maio.

O decano da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC salientou o esforzo realizado polos docentes e demais persoal do centro universitario lugués para o desenvolvemento deste tipo de actividades, ao tempo que fixo fincapé na incidencia positiva que están a reportar tanto esta iniciativa como outras accións impulsadas polo Campus Terra da USC e tamén polo programa 'A Ponte' da USC nas estatísticas de matrícula rexistradas nos títulos de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética, os dous graos universitarios ofertados pola USC neste centro.

The contents of this page were updated on 01.11.2017.