Skip to main content

O Campus Terra avalía o uso de auga rexenerada na rega de cultivos para paliar a escaseza de recursos hídricos co proxecto I-ReWater

O programa ‘I-ReWater. Xestión sostible de recursos hídricos na agricultura de rega no espazo SUDOE’, liderado polo profesor e investigador da USC Javier J. Cancela Barrio, analizará os efectos da auga rexenerada na produción e na calidade de cultivos
O programa ‘I-ReWater. Xestión sostible de recursos hídricos na agricultura de rega no espazo SUDOE’, liderado polo profesor e investigador da USC Javier J. Cancela Barrio, analizará os efectos da auga rexenerada na produción e na calidade de cultivos. FOTO: Pixabay
O programa liderado desde a EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC e financiado con 2,2 millóns de euros de fondos FEDER analizará os efectos da auga rexenerada na produción e na calidade de cultivos leñosos e hortícolas a través de 15 accións piloto que se desenvolverán ata 2026 en distintas localizacións de España, Francia e Portugal
Lugo

Un consorcio europeo liderado polo grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC avalía o uso de auga rexenerada en cultivos de rega leñosos e hortícolas para paliar a escaseza de recursos hídricos no marco do proxecto I-ReWater, unha iniciativa de I+D financiada con 2,2 millóns de euros de fondos FEDER na que participan directamente 16 universidades, centros de investigación, así como outras entidades públicas e privadas do chamado espazo Sudoe, tal e como se denominado a rexión que abrangue o territorio da Península Ibérica, Principado de Andorra e Sur de Francia, e que suma preto doutros 40 socios colaboradores.

O programa ‘I-ReWater. Xestión sostible de recursos hídricos na agricultura de rega no espazo SUDOE’, liderado polo profesor e investigador da USC Javier J. Cancela Barrio, analizará os efectos da auga rexenerada na produción e na calidade de cultivos leñosos (oliveira, viñedo, lúpulo e amendoeira) e hortícolas (tomate e leituga) a través de 15 accións piloto que se desenvolverán ata 2026 en España (Abegondo e León), entre outras localizacións), Francia e Portugal, tal e como se puxo de manifesto este martes na sesión de apertura deste proxecto Interreg SUDOE, una reunión científica que citou preto de medio centenar de investigadores e representantes institucionais no Campus Terra da USC.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, deu a benvida a todos os socios promotores e colaboradores do proxecto I-ReWater no marco dun acto institucional no que tamén participaron como relatores o catedrático da USC e coordinador do grupo PROePLA, Manuel Marey; o subdirector de Prácticas e Mobilidade da EPS de Enxeñaría, Emilio Carral Vilariño; a alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e o secretario da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago.

Na súa intervención, Fraga fixo fincapé no cometido estratéxico que se desenvolve desde hai anos na EPS de Enxeñaría do  Campus de Lugo a prol dos sectores agrario e forestal. Proxectos como o I-ReWater para a avanzar na optimización da xestión dos recursos hídricos e, nomeadamente, no aproveitamento da auga rexenerada para o seu uso na rega de cultivos, constatan a posición de liderado deste centro universitario e a pertinencia dunhas titulacións que o goberno da USC defenderá sempre, sinalou.

Obxectivo

O obxectivo deste proxecto aprobado na convocatoria Interreg-Sudoe 2021-2027, é mellorar a xestión dos recursos hídricos na agricultura a través do emprego de auga urbana rexenerada en cultivos agrícolas y da análise doutros aspectos ambientais que garantan o seu bo emprego no actual contexto de cambio climático, no que a agricultura consume máis da metade da auga doce dispoñible.

Os resultados desta investigación permitirían reducir las extraccións de hábitats naturais (superficiais e subterráneos), contribuirá a mitigar os problemas de escaseza de forma sostible sen minguar a calidade dos cultivos e incluso reducirá a necesidade doutros insumos ou emendas, dado que a auga procedente das EDARs está enriquecida con nitróxeno e fósforo, ademais doutros compoñentes con propiedades fertilizantes, sinala Javier J. Cancela. Este investigador estima asemade que o aproveitamento de auga rexenerada en cultivos de rega podería aforrar un 10% dos recursos hídricos consumidos na actualidade, aumentaría a porcentaxe de aproveitamento de augas residuais tratadas, que actualmente se sitúa no 2,4% en Europa, ao tempo que reduciría a degradación ambiental e permitiría avanzar cara a un continente climaticamente neutro.

Dixitalización e agricultura 4.0

As TIC e a dixitalización dos sistemas de fertilización e rega terán un papel protagonista nos diferentes proxectos ou ensaios pilotos que se executarán ao abeiro do proxecto I-ReWater, dado que se contempla incorporar sensores a todos os sistemas de rega. Estes dispositivos, colocados a nivel de chan e planta, permitirán en tempo real parámetros como condicións climáticas, temperatura, cantidade de auga ou nutrientes. Nalgúns casos, mesmo se realizarán voos de dron con cámaras térmicas ou multiespectrais.

Unha vez validado, este sistema de axuda á decisión poderíase replicarse facilmente a nivel de usuario, o que permitiría ao agricultor coñecer cando e canto debe regar e, asemade, favorecería a economía circular cunha agricultura máis eficiente e sostible. Os resultados obtidos no proxecto I-ReWater, engade Javier. J. Cancela, servirán de base para a posterior elaboración dunha estratexia transnacional do uso de augas rexeneradas no espazo Sudoe.

Consorcio I-ReWater

O grupo de investigación Proxectos e Planificación da USC coordina o consorcio impulsor do proxecto I-ReWater, no que tamén participan como socios a Fundación Juana de Vega, HOPEN – Terre de Houblon, Instituto de Ciencias de la Vid y el Vino (ICVV), Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária, IP (INIAV, IP), Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Instituto Politécnico de Bragança, IRTA (Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias), Universidade de Córdoba (UCO), Águas do Norte, S.A., INRAE, Agencia de Medio Ambiente y Agua de Andalucía (AMAYA), Gestagua, Àrea Metropolitana de Barcelona (AMB), Oficina del Regant del Departament d’Acció Climàtica i Agenda Rural de la Generalitat de Catalunya (OdR) e Gobierno de Andorra.

 

The contents of this page were updated on 02.21.2024.