Skip to main content

A Biblioteca da USC recibe case 500 volumes do Arquivo rosaliano Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda

Xesús Alonso Montero, quinto pola esquerda, e o reitor Antonio López, sexto, posan con outras persoas asistentes ao acto de doazón e con parte do material xa recibido pola USC. FOTO: Santi Alvite
Xesús Alonso Montero, quinto pola esquerda, e o reitor Antonio López, sexto, posan con outras persoas asistentes ao acto de doazón e con parte do material xa recibido pola USC. FOTO: Santi Alvite
O viúvo da profesora e investigadora, Xesús Alonso Montero, formalizou a doazón ante o reitor Antonio López, quen asegurou que servirá para poder abrir novas canles de investigación

A Biblioteca da USC conservará o Arquivo rosaliano Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, do que xa se recibiron dezaseis caixas con case 500 volumes que forman parte dunha doazón que formalizou o seu viúvo, Xesús Alonso Montero, nun acto desenvolvido no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome ante o reitor Antonio López e un grupo de amigas e amigos, maioritariamente da USC. López agradeceu a xenerosidade da doazón e subliñou o valor do material que compón o arquivo "para o desenvolvemento de novas investigacións" e o "enriquecemento do patrimonio da Universidade".

Entre os libros máis salientables dos que integrarán o Arquivo que pertencía á investigadora, falecida en 2018, figuran primeiras edicións de Follas Novas (1880) e En las orillas del Sar (1884), así como un manuscrito inédito coa tradución castelá de Follas Novas realizada por Micaela Mutuberría contra 1900. Hai ademais un volume que inclúe varias comedias españolas do século XIX nas que se consigna o nome de Rosalía de Castro á beira de varios personaxes que representou nesas obras.

A doazón, máis alá dos libros, inclúe exemplares de teses de doutoramentos e escritos inéditos, 40 cartafoles con folletos, recortes de prensa, esquemas e apuntamentos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda; 46 libretas con notas e textos redactados en arquivos e bibliotecas pola investigadora, ou sete arquivadores con material literario.

En vindeiras datas Xesús Alonso Montero entregará varios cartafoles máis con escritos rosalianos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, e anunciou que "proximamente sairá unha edición a cargo de Patricia Arias e outra facsimilar" dunha obra inédita de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, titulada Os nomes de Rosalía, que é un dicionario de expresións e palabras aplicadas para referirse a Rosalía, como "musa" ou "cantora".

Xesús Alonso Montero estivo acompañado no acto de doazón pola directora da Biblioteca da USC, Mabela Casal, quen subliñou que o fondo do Arquivo xa está a ser exhibido en público, como sucedeu na recente visita de estudantes de ensino secundario de Ivrea (Italia) que estaban estudando a Rosalía e Emilia Pardo Bazán. Así mesmo asistiron, entre outras persoas, a codirectora da Cátedra Rosalía de Castro da USC, a profesora María do Cebreiro; Marilar Aleixandre, Antón Santamarina, Francisco Fernández Rei e José Manuel González Herrán, quen dera a coñecer a Alonso Montero o achado do libro coas obras teatrais no que figuran o nome de Rosalía.

The contents of this page were updated on 02.22.2024.