Skip to main content

Haruna Takebe, cuarta concertista do ciclo dedicado ás sonatas de Beethoven

Cartel do ciclo que rememora as sonatas de Beethoven
Cartel do ciclo que rememora as sonatas de Beethoven

A pianista xaponesa Haruna Takebe interpreta o próximo martes 17 o cuarto concerto do ciclo ‘ Unha vida de emocións en 32 sonatas’ e que sobre o repertorio de Beethoven se está a celebrar entre outobro e xuño. Takebe interpretará as sonatas 12, 13, 14 e 15 nunha sesión de entrada libre ata completar aforo no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) a partir das 20.30 horas.

Haruna Takebe graduose gradouse na universidade Toho Gakuen de Tokío e máis tarde ampliou estudos na Universidade das Artes de Berlín e no Conservatorium van Amsterdam. Na súa actividade profesional destacan as actuacións como solista xunto a orquestras como a Sinfónica de Berlín, a Orquestra Filharmónica Checa, a Takamatsu Symphony Orchestra ou a Real Filharmonía de Galicia coa que protagonizou a estrea en España do concerto Lotus under the moonlight de Toshio Hosokawa. O selo STH Quality Classics publicou un disco coas súas interpretacións de Scarlatti, Schubert, Liszt e Debussy.

En 2007 incorpórase á Elisabeth University of Music de Hiroshima como catedrática de Piano ata 2009, cando se traslada a Santiago de Compostela onde traballa para a Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM). En España converteuse nunha asidua dos seus escenarios tanto con recitais de piano como con diversas formacións de cámara como Airas Ensemble, Artemis Ensemble ou Vertixe Sonora Ensemble.

O ciclo
As 32 sonatas para piano que Beethoven compuxo ao longo da súa vida volven soar no Paraninfo da Universidade nun novo ciclo organizado pola USC en colaboración coa Deputación da Coruña. Son un total de nove concertos, un por cada mes do curso académico, todos ás 20.30 horas, e coma sempre de entrada libre ata completar o aforo. En febreiro será a pianista Eriko Ishimoto quen toma o relevo. O ciclo complétase coas actuacións de Björn Lehmann, Manuel López Jorge, Ilona Timchenko e Willem Brons nos seguintes meses ata xuño.

The contents of this page were updated on 01.16.2017.