A USC impulsa a súa política no eido da investigación coa captación de recursos humanos en convocatorias de I+D+i
Ao cuarto posto acadado pola USC en número de axudas Ramón y Cajal concedidas na convocatoria de 2022, engádese agora o segundo posto obtido, a nivel estatal, na última edición das axudas Marie Sklodowska Curie Postdoctoral Fellowships (MSCA PF) 2023, outorgadas no Programa Horizonte Europa. A USC, xunto coa Universidad de Granada, é a universidade pública que maior éxito acadou nesta convocatoria. En concreto, resultaron seleccionadas nove propostas da institución compostelá, oito na modalidade europea e unha na modalidade global, dun total de 25 solicitudes presentadas. Ás nove seleccionadas neste proceso altamente competitivo, engádense outras dúas que se sitúan na listaxe de reserva cunha elevada puntuación.
Este liderado da USC contribúe reforzar o posicionamento da institución no contexto galego, clave para a mellora na asignación de recursos do Plan de Financiamento condicionados aos resultados no ámbito da investigación, como son os referentes á captación de recursos humanos e financeiros, que experimentaron un crecemento notable, ata chegar a triplicar os indicadores, nos últimos seis anos.
Éxito na convocatoria Marie Sklodowska Curie Postdoctoral Fellowships
A convocatoria MSCA PF financia a contratación de persoal investigador de calquera nacionalidade que conte cun máximo de oito anos de experiencia investigadora e que desexe adquirir novas habilidades a través da formación avanzada e a mobilidade internacional, interdisciplinaria e intersectorial. En total, ao abeiro da MSCA PF, desenvolveranse en España 175 proxectos de investigación. No contexto USC, o CiQUS será receptor de seis das axudas, mentres que CRETUS, IGFAE e CiTIUS reciben unha axuda cada un.
En palabras da Vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo, “nos vindeiros anos a USC vai seguir apostando polas políticas de promoción de talento, tanto en retención como en captación así como no fortalecemento das estructuras de investigación da universidade, xa que consideramos que este é o modelo máis eficiente e adecuado para desenvolver a investigación no século XXI”.
RyC
A USC sitúase no cuarto posto a nivel estatal en axudas RyC recibidas, só por detrás da Universidad de Granada con 24, Universitat de Barcelona con 18 e Universidad Autónoma de Madrid con 15. No contexto autonómico, a USC logrou captar o 42,40% das axudas outorgadas ao conxunto do Sistema Universitario Galego (SUG). En concreto, a Universidade de Santiago de Compostela acadou un total de catorce axudas no marco desta convocatoria destinada a promover a incorporación en organismos de investigación de persoal investigador, tanto español como estranxeiro, cunha traxectoria destacada co fin de que adquiran as competencias e capacidades que lles permitan obter un posto de carácter estable nun organismo de investigación do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e de Innovación.
A taxa de éxito obtida no marco destes programas evidencia a capacidade de planificación na xestión de recursos humanos de I+D+i da USC, o atractivo que a institución compostelá alberga á hora de ser elixida como destino predilecto por parte de persoal investigador cun currículo prometedor a nivel internacional, así como o potencial dos grupos e liñas de investigación desenvolvidas no seo da institución.
Nesta mesma liña, na convocatoria Beatriz Galindo para a atracción de talento investigador, a institución compostelá ten acadado un total de cinco contratos. Ademais, na captación de axudas do European Research Council, organismo que proporciona financiamento para apoiar persoal investigador e os seus equipos co obxectivo de perseguir innovacións de alto risco e de alto beneficio en calquera campo de investigación, a USC rexistrou un total de 20 axudas nas súas cinco categorías, das 29 obtidas no SUG, dende a posta en marcha do programa.