A EPS de Enxeñaría impulsa novos modelos de bioeconomía no monte e cuantificará os seus rendementos co proxecto CARES
O grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC impulsa o desenvolvemento de novos modelos produtivos de bioeconomía no monte e avaliará os rendementos económicos derivados de tales actividades, ao abeiro do proxecto ‘Castaña e resina como aproveitamento multifuncional para impulsar a xestión forestal activa e o desenvolvemento rural no noroeste peninsular’ (CARES). Esta iniciativa de I+D, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecológica e Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), está financiada por la Unión Europea con máis de 1,6 millóns de euros a través dos fondos NextGenerationEU.
As entidades que conforman o consorcio promotor do proxecto CARES, liderado polo Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira (Cetemas) e do que, ademais do grupo PROePLA da USC, tamén forman parte Cesefor, a entidade de certificación forestal PEFC e Juntas de Montes de Asturias, celebraron este venres unha reunión técnica na sede universitaria luguesa, no marco da que se abordaron cuestións técnicas e administrativas relativas ao desenvolvemento do programa de accións previstas ata finais de 2025, que é a data de finalización deste programa de I+D.
O director da Fundación Cetemas, Juan Majada Guijo, aproveitou asemade esta primeira xuntanza técnica cos socios implicados en CARES para revisar o cronograma, puntos críticos, traballos de campo, deseños experimentais, así como tarefas de carácter técnico e mesmo relativas á divulgación de resultados.
O catedrático da área de Proxectos e Planificación da USC Manuel Marey, que tamén coordina o grupo PROePLA, que xestionará orzamento de máis de 430.000 euros con cargo ao proxecto CARES, explicou que un dos principais cometidos desta nova iniciativa de I+D pasa por impulsar modelos de xestión conxunta de aproveitamentos complementarios no tempo coa vocación de xerar novos postos de traballo de calidade e larga duración vinculados co sector primario.
Marey precisou asemade que o persoal investigador do grupo PROePLA liderará dúas das seis accións previstas no proxecto CARES, tal e como son o deseño de novos modelos produtivos centrados na castaña e nos aproveitamentos de resina nas masas forestais. Un cometido posterior, engadiu este investigador, será a avaliación e cuantificación dos rendementos económicos derivados ou, cando menos asociados, a tales actividades.
Á espera de poder comezar a executar en breve as actividades previstas, Manuel Marey xustificou a pertinencia deste programa de I+D por tratarse dun novo impulso para xerar emprego atractivo e rendible a partir do aproveitamento multifuncional do monte. Estas accións, servirán asemade, engadiu, para frear o progresivo despoboamento e incluso para fixar poboación nos territorios do noroeste peninsular.
As liñas de traballo lideradas polo grupo PROePLA dentro do proxecto CARES permitirán dar continuidade a outras accións xa desenvolvidas anteriormente por este equipo de investigación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, ao tempo que, segundo salientou Marey, supoñen un novo pulo a prol dunha xestión forestal máis activa e sustentable que axudará a reducir a vulnerabilidade das masas forestais ante episodios de incendios.