Un total de 161 prazas de profesorado integran a Oferta de Emprego Público para PDI en 2024
O Consello de Goberno aprobou a Planificación de actuacións en materia de profesorado para 2024, así como a Oferta de Emprego Pública (OEP) correspondente a ese mesmo ano. A proposta aprobada no órgano colexiado continúa avanzando na renovación do cadro docente a través da contratación de profesorado axudante doutor en áreas especialmente avellentadas que teñan, ademais, unha previsión de déficit estrutural a cinco anos. O obxectivo é garantir unha dotación estrutural suficiente das diferentes áreas de coñecemento, de xeito que estas poidan desempeñar axeitadamente as súas funcións, tanto no ámbito da docencia coma no da investigación. Ademais, a Planificación 2024 avanza na redución da contratación temporal e na oferta de posibilidades de estabilización e de promoción ao profesorado acreditado.
En conxunto, o plan para 2024 contempla a creación de 53 prazas de profesorado axudante doutor, unha cifra que poderá revisarse para incrementar a súa dotación en función da evolución real das baixas na dotación do cadro de persoal estable. O documento aprobado recolle ademais a creación de 192 prazas de profesorado asociado, que, de acordo co establecido na nova Lei Orgánica do Sistema Universitario, terán carácter indefinido. Tamén se crearán dez prazas de profesorado asociado en Ciencias da Saúde así como outras cinco de profesorado con vinculación asistencial.
En categorías de docentes con vinculación permanente, está prevista a creación de 79 prazas orientadas á estabilización de profesorado que actualmente ocupa prazas de axudante doutor/a. Destas, 19 corresponden a prazas de profesorado titular e as 60 restantes na categoría de profesorado permanente laboral. Tamén se crearán 23 prazas de titular para posibilitar a promoción de profesorado contratado doutor acreditado, ademais de 43 prazas de catedrático/a igualmente para a promoción de profesorado titular acreditado a este corpo.
OEP
O Consello de Goberno tamén aprobou a Oferta de Emprego Público (OEP) do persoal docente e investigador da USC para 2024, dotada con 161 prazas de profesorado con vinculación permanente. Deste total, 119 corresponden ao sistema de quenda libre e das que 70 son de profesorado permanente laboral, 48 de profesorado titular e 1 de catedrático/a. Igualmente, resérvanse 19 prazas para a incorporación de persoal investigador doutor co certificado I3 ou R3. A mesma OEP inclúe tamén 42 prazas de catedrático/a para a quenda de promoción interna.
En materia de PDI, o Consello tamén aprobou a proposta do acordo polo que se delega no vicerreitor de Profesorado a designación dos membros das comisións de selección dos concursos da Planificación 2024, a adscrición á USC dos investigadores Diego Peña, Sebastián Villasante e Yolanda Prezado no marco do Programa Oportunius, así como a modificación do Anexo II do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC.
Calendario académico 24/25
O curso académico 2024-2025 organizarase en dous períodos académicos e abarcará dende o día 1 de setembro de 2024 ata o día 31 de agosto de 2025. O primeiro semestre estenderase entre os días 9 de setembro e 20 de decembro de 2024, malia que nos mestrados oficiais poderase retrasar o comezo do curso ata o día 18 de setembro de 2024. O período de apertura de actas abranguerá do 16 de decembro de 2024 ao 5 de febreiro de 2025 en primeira oportunidade. O segundo semestre estenderase entre o 28 de xaneiro e o 16 de maio de 2025 e a apertura de actas terá lugar do 13 de maio ao 17 de xuño de 2025, tamén en primeira oportunidade.
Castelao
A USC incorpora á súa rede de cátedras institucionais unha dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, centrada na figura, o pensamento e a obra deste representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea, e en particular da Xeración Nós, nas súas diversas vertentes: literatura, artes, identidade, idioma, xornalismo, cidadanía, ou activismo político. Esta cátedra terá como obxectivos principais o fomento da investigación e da difusión a nivel estatal e internacional de Castelao e da cultura galeguista, promovendo iniciativas de distinto tipo (encontros, debates, conferencias, ou estudos, entre outros) e impulsando a colaboración entre institucións e con entidades da sociedade civil. Esta nova cátedra enmárcase no obxectivo da USC de crear cátedras institucionais que estuden a obra académica de ilustres autores da literatura galega, tal e como xa sucedeu coa creación da Cátedra Rosalía de Castro. En materia de cátedras institucionais, o Consello tamén aprobou o logotipo da cátedra institucional Vida Saudable.
Outros asuntos
O calendario extraordinario para a tramitación de declaración de intencións de propostas de novos títulos coordinados por universidades de fóra do SUG foi unha das cuestións abordadas no capítulo de titulacións, xunto á modificación do Regulamento de TFG do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos e as memorias de estudos propios. A orde do día completouse co balance final de liquidación de UNIXEST, asuntos económicos, convenios e cuestións relativas a transferencia de coñecemento.