A sustentabilidade de festivais e eventos culturais centra un foro internacional no Campus Terra co proxecto ModulAct
A diminución da pegada de carbono e a progresiva adopción de criterios e medidas orientadas a diminuír a pegada ecolóxica de eventos culturais, así como de festivais de música, a fin de facelos máis sostibles respecto tanto da mobilidade do público como do consumo de auga e enerxía e mesmo en relación coa xeración de residuos ou co consumo de alimentos, centrou a temática do HackDay celebrado este venres no edificio Cactus do Campus de Lugo, ao abeiro do proxecto europeo ModulAct.
Esta iniciativa, orientada á mocidade e liderada pola incubadora Lug Open Factory e coa que colabora co campus Terra da USC, congregou na sede universitaria luguesa unha nutrida representación de mocidade internacional, na súa maioría procedente de Chipre e Croacia, así como alumnado e titulados en Xestión Cultural na Facultade de Humanidades. A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, a profesora Elvira López Mosquera, ofreceu un acto de acollida a todas as persoas participantes nun evento centrado na organización e promoción de festivais de música máis sostibles e respectuosos co medio ambiente.
A mocidade inscrita neste evento, “a través do que se pretende impulsar un cambio significativo nas celebracións dos festivais e demais eventos culturais”, segundo subliña Xosé L. Garza, de Lug Open Factory, aproveitou as distintas sesións e obradoiros programados ao longo de toda a xornada para mergullarse e debater sobre aspectos clave para a sustentabilidade, tal e como poden ser o transporte e a mobilidade, o tratamento de residuos, a emisión de sons, a localización de espazos axeitados e mesmo respecto da sustentabilidade social e económica.
Ao remate da intensa xornada de traballo, Garza, quen actuou como moderador das distintas sesións, salientou o carácter innovador dalgunha das propostas agromadas neste HackDay, ao tempo que fincapé na celebración deste tipo de accións que sinalan o inicio do camiño cara a un futuro máis consciente e responsable na organización de eventos culturais e de lecer.
Alén de trasladar os parabéns á toda mocidade implicada nesta sesión monográfica sobre ideas para mellorar a sustentabilidade dos festivais musicais, ao remate da intensa xornada de traballo, os responsables de Lug Open Factory presente deron a coñecer os autores dos proxectos máis valorados pola organización.