Skip to main content

As mulleres españolas protagonizaron anuncios da banca antes de poderen abrir libretas de aforro por si soas

Detalle dun dos anuncios bancarios analizados. FOTO: Arquivo do Banco de España
Detalle dun dos anuncios bancarios analizados. FOTO: Arquivo do Banco de España
A investigadora Susana Martínez analiza os roles femininos nas ilustracións e as fotografías utilizadas na publicidade bancaria entre 1949 e 1970

A nova realidade laboral que supuxo a incorporación masiva da muller ao mercado do traballo en moitos países desde o inicio da Segunda Guerra Mundial tardou en chegar á economía española polas barreiras impostas polas autoridades franquistas ao ingreso das mulleres en gran número de sectores. A estas barreiras había que sumarlles prohibicións coma as de ter libretas de aforro ou contas bancarias independentes das dos seus maridos ou pais, que estivo en vigor ata 1975, segundo lembra Susana Martínez Rodríguez, investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC.

Martínez acaba de publicar na revista ‘Business History’ un traballo sobre o márketing que empregaba a banca española na posguerra para chamar a atención das mulleres, co título ‘Gender and Bankarization in Spain, 1949-1970’. O artigo recolle os anuncios bancarios desa época, compostos por ilustracións e fotografías que tiñan que pasar unha censura previa no Banco de España antes de publicarse, e amosa que, mentres noutros países as mulleres xa se converten en clientas da banca unha vez rematada a Segunda Guerra Mundial, no caso español isto non se produce de forma significativa ata a década de 1960.

"Co desenvolvemento económico flexibilízanse as prohibicións para a incorporación das mulleres ao mercado laboral”, explica a investigadora, e é entón cando a banca empeza a consideralas “clientas activas” e para dirixirse a elas emprega “un márketing máis directo no que se trata de ti as mulleres en lugar de tratalas de vostede”. De feito, poden distinguirse tres tipos de publicidade na época: “a primeira sería a publicidade canónica que facían tradicionalmente os bancos para transmitir seriedade e tradición”; unha segunda sería “a publicidade na que as mulleres van como acompañantes, por exemplo como nais que incentivan o aforro das nenas e dos nenos”; e terceira, que comeza a finais da década de 1960, na que mesmo se crean produtos específicos para mulleres “coma cheques rosas ou oficinas bancarias só para mulleres como foi o caso do Banco de la Mujer, que agasallaba as mulleres cunha rosa” cando se facían clientas.

A investigación deu lugar ademais do artigo a unha exposición cos anuncios bancarios máis salientables que xa se puido ver en Murcia e en Salamanca e que está previsto que proximamente chegue a Madrid e a Santiago de Compostela.

Un dos anuncios de créditos analizados. FOTO: Arquivo do Banco de España
Un dos anuncios de créditos analizados. FOTO: Arquivo do Banco de España
The contents of this page were updated on 02.27.2024.