Skip to main content

A EPS de Enxeñaría revitaliza o Máster Universitario en Enxeñaría de Montes

Alumnado e coordinador do Máster Universitario en Enxeñaría de Montes na USC
Alumnado e coordinador do Máster Universitario en Enxeñaría de Montes na USC
Atractivas saídas profesionais ligadas ao medio natural e alternativas de formación especializada en espazos protexidos, xestión forestal e incendios permiten á USC rexistrar as taxas máis altas de matrícula no Máster Universtiario en Enxeñaría de Montes impartido no Campus Terra case 30 anos despois da implantación destes estudos
Lugo

O Máster Universitario en Enxeñaría de Montes rexurde con ánimo renovado e novos folgos na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC, o centro no que botou a andar esta formación superior hai preto de 30 anos e que o presente curso rexistra as taxas de matrícula máis altas, con 16 novos expedientes abertos . As múltiples saídas profesionais ligadas ao medio natural que posibilita e as vías alternativas de acceder a formación especializada nos eidos da planificación e modelización da xestión forestal, no deseño de estratexias de prevención e loita contra incendios, e mesmo na definición de accións de conservación e xestión de espazos naturais protexidos constitúen algúns dos atractivos que impulsan este crecente interese pola Enxeñaría de Montes.

O coordinador deste posgrao na USC, o profesor Ulises Diéguez, sinala asemade que os cambios normativos que amplían as posibilidades de acceso ao máster a alumnado que aínda non rematou a súa formación de grao tamén supuxo un acicate, á vez que un impulso, ás estatísticas de matrícula nun dos títulos impartidos na EPSE que ofrece ás persoas egresadas un campo de traballo inmenso, tal e como o que deparan os 25 millóns de hectáreas con vocación forestal que hai en España, unha superficie que se eleva a máis de 4 billóns de hectáreas no contexto mundial.

O obxectivo xeral do Máster Universitario en Enxeñaría de Montes é a formación de técnicos superiores capacitados para planificar, proxectar, organizar e dirixir os espazos forestais e os bens e servizos que proporcionan. Baixo estas premisas, agóchanse multitude de obxectivos máis concretos de especial relevancia no actual contexto de cambio climático, tales como o son protexer o chan, conservar e regular os recursos hídricos, asegurar a protección e conservación das especies de flora e fauna silvestres, mellorar o medio ambiente rural, estudar e organizar a repoboación e conservación dos montes ou aproveitar os recursos forestais, tanto para a súa transformación pola industria como para o goce directo.

A construción de pistas forestais e o deseño de instalacións para o almacenamento, secado e transformación da madeira e mesmo doutros aproveitamentos, son outros dos cometidos e retos aos que deben dar resposta os profesionais da Enxeñaría de Montes, mulleres e homes que, ao longo do seu proceso de formación, tamén adquiren coñecementos para avanzar na loita contra as pragas e enfermidades das plantas, de prevención e xestión de incendios e de espazos protexidos e, entre outros, respecto da mellora xenética das especies forestais, xestión de residuos, control da contaminación e enerxías renovables.

A formación integral que achega o Máster Universitario en Enxeñaría de Montes resulta indispensable para atender os desafíos que ten actualmente a humanidades, xa que proporciona aos futuros profesionais habilidades e competencias para manexar os recursos forestais de xeito integral, racional e sostible, a fin de garantir así procesos ecolóxicos vitais para o ser humano, salienta a directora da EPSE, Rosa Romero.

Ciencia e técnica ao servizo da cidadanía

A Enxeñaría de Montes responde a unha profesión de prestación de servizos, dado que os seus profesionais traballan a prol de atopar solucións a grandes problemas para a humanidade, tal e como son a xestión dos recursos naturais, o abastecemento de materias primas, a conservación da biodiversidade, a calidade das augas e do aire... Cometidos todos eles transcendentais, cuxa resolución se apoia no coñecemento científico, nos avances tecnolóxicos e na experiencia técnica, sinala a directora da EPSE, quen tamén pon o foco no nivel de inserción laboral que permite esta formación de posgrao.

Rosa Romero lembrou asemade que a EPSE converteuse no curso 1994-95 no cuarto centro universitario de España no que se impartiron estudos de Enxeñaría de Montes, un itinerario formativo que recolle, afonda e amplía os postulados da ciencia forestal nada no século XVIII en centroeuropa para abordar as permanentes necesidades de abastecemento da época. Daquela, desde hai preto de tres décadas, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo é o único centro que oferta esta formación de posgrao no noroeste peninsular, sendo un potencial destino de continuación de estudos para os alumnos da propia USC e das escolas que imparten o Grao en Exeñaría Forestal en Mieres, Ponferrada e, entre outros, Pontevedra.

Alén desta realidade, a actual conxuntura de políticas de loita contra o cambio climático, xunto coa necesidade de conservación dos ecosistemas terrestres e da súa biodiversidade constitúen factores que están a demandar profesionais altamente cualificados como os titulados en Enxeñaría de Montes, a fin de que se xestionen de forma axeitada as masas arboradas para garantir a obtención dos múltiples recursos que achega o monte sen poñer en perigo o futuro da Terra, conclúe Romero.

The contents of this page were updated on 02.28.2024.