Skip to main content

Roy Chantrell destacou as propiedades dos imáns para a súa aplicación en nanotecnoloxía

Roy Chantrell
Roy Chantrell

O catedrático da Universidade de York (Reino Unido) Roy Chantrell pronunciou este venres unha conferencia na Facultade de Física na que destacou a importancia dalgunhas propiedades dos imáns para a súa aplicación en nanotecnoloxía, incluíndo aplicacións tan diversas como o deseño dos discos duros ou o uso de nanopartículas magnéticas para o tratamento do cancro.

Chantrell, que foi presentado polo investigador David Serantes, é especialista na modelización teórica do magnetismo e un investigador de recoñecido prestixio internacional neste ámbito, con traballos de carácter aplicado e relacionados coa industria. Entre 2001 e 2004 foi director do grupo de teoría de Seagate, un dos maiores fabricantes de discos duros do mundo.

O profesor inglés achegouse a Santiago convidado polo Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC que dirixe o profesor Daniel Baldomir para participar na reunión dun grupo multidisciplinar de científicos especialistas en nanopartículas magnéticas para o tratamento de cancro mediante hipertermia. A relación do conferenciante cos aspectos prácticos permitiulle falar de cuestións do “día a día” como, por exemplo dos compoñentes magnéticos dos coches ou os discos duros dos ordenadores.

The contents of this page were updated on 01.20.2017.