Skip to main content

O legado da actriz galega Manuela Rey prende en Compostela coa luz das Faíscas Culturais

As intervencións artísticas foron exhibidas en Praterías e na Casa do Cabido. FOTO: Santi Alvite
As intervencións artísticas foron exhibidas en Praterías e na Casa do Cabido. FOTO: Santi Alvite
Unha instalación creada por estudantado de Ciencias da Educación dá visibilidade na Praza de Praterías e na Casa do Cabido á figura, ata o de agora descoñecida, da muller que chegou a converterse na primeira estrela do teatro lisboeta Dona María II

Preto dun cento de estudantes de Ciencias da Educación traballaron na instalación composta por unha serie de bustos que, arredor da imaxe icónica da actriz Manuela Rey, puido contemplarse este mércores 6 na Praza de Praterías, así como na Casa do Cabido en Compostela. A iniciativa enmárcase nunha nova vaga das Faíscas Culturais coa que se pretende homenaxear a figura desta galega que se converteu, aos 23 anos, na primeira actriz do teatro lisboeta Dona María II, e que deixou unha traxectoria vital e profesional aínda moi descoñecida. As profesoras responsables da instalación que leva por nome ‘Manuela Rey is in the street’ son Cristina Trigo (Educación Plástica II: Procesos e proxectos artísticos, do Grao de Educación Primaria) e Olalla Cortizas (Deseño e desenvolvemento de metodoloxías artísticas, do Grao de Educación Infantil).

O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural. De feito, nesta ocasión, unha produción arredor de Manuela Rey, liderada polo Centro Dramático Galego e que conta coa dirección e dramaturxia de Fran Núñez, estrearase o vindeiro 14 de marzo no Teatro Principal de Santiago, desenvolvéndose o día anterior un pase especial dirixido á comunidade universitaria. Un equipo artístico galego-portugués erguerá o pano deste espectáculo, estreado recentemente en Portugal.

O propio Fran Núñez pronuncia este mércores 6 o relatorio 'Manuela Rey, arqueoloxía e outros dramas' sobre esta mindoniense nacida en 1842. O director do Centro Dramático Galego, xunto coa actriz, arqueóloga e colaboradora do Incipit-CSIC, Paula Ballesteros, interveñen nunha nova edición das Nerd Nites que se integra no programa desta nova vaga das Faíscas. Neste mesmo foro, o profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Juan J. Gestal Otero, falará da peste branca. Finalmente, o profesor de Historia Moderna da USC Domingo L. González Lopo pronunciará unha charla sobre 'Cando Lisboa era as Américas para moitos galegos (1715-1870)'. A Nerd Nite desenvólvese na Sala Riquela, a partir das 20.30 horas.

A segunda instalación colectiva terá lugar, baixo o lema ‘Unha postal para a muller lirio,’ este xoves 7, ás 13.00 horas, na entrada de Ciencias da Educación (Campus Norte). A seguinte actividade do centro nesta materia titularase ‘Un percorrido creativo con lingua, música e arte do S.XIX’ e terá lugar o 19 de marzo, ás 18.00 horas, no Salón de Actos da Facultade. Finalmente, a intervención ‘Imaxinando a Manuela Rey: creación de biografías ilustradas e propostas escénicas para a infancia’, o 10 de maio ás 10.30 horas, tamén terá lugar no Salón de Actos do centro.

Ciencias da Educación súmase ás Faíscas que sobre Manuela Rey xa desenvolveron outros centros da USC como Medicina e Odontoloxía ou Xeografía e Historia. Pola súa parte, Filoloxía integrarase tamén nesta nova vaga de Faíscas no marco das materias Literatura portuguesa e Socioloxía das literaturas de lingua portuguesa. Dende a primeira aproximaranse ao contexto da literatura portuguesa do século XIX, co teatro como fío condutor (18 de marzo ás 9.00 horas) e dende a segunda abordarase os hábitos culturais da sociedade portuguesa na segunda metade do século XIX, co teatro como espello e exemplo (20 de marzo, 9.00 horas).

The contents of this page were updated on 03.06.2024.