Skip to main content

O novo núcleo de adestramento de judo reforza a actividade deportiva da USC como factor colaborativo coa contorna

O novo núcleo celebrou recentemente a súa primeira sesión. Foto: Santi Alvite
O novo núcleo celebrou recentemente a súa primeira sesión. Foto: Santi Alvite
Un sábado de cada mes daranse cita nas instalacións deportivas da USC preto dun cento de practicantes desta modalidade con idades dende os 8 anos procedentes, polo de agora, de 15 entidades deportivas

O tatami do Complexo Deportivo do Estadio Universitario acolleu as primeiras actividades dun novo núcleo de adestramento de judo desenvolvido a modo de actividade federativa xunto coa delegación de Santiago da Federación Galega de Judo. A iniciativa dá un novo paso na utilización das instalacións deportivas universitarias como espazos de encontro e fortalecemento dun tecido colaborativo coas entidades que, arredor dos Campus Universitarios, traballan no desenvolvemento da práctica deportivo e o fomento da actividade física. O reitor da USC, Antonio López Díaz, participou recentemente nunha sesión do núcleo e mantivo un encontro co estudantado participante, xunto co delegado para o Deporte, Javier Rico.  

No caso específico deste novo núcleo dedicado ao Judo, o obxectivo da proposta é celebrar encontros un sábado de cada mes, no que están convidados clubs prioritariamente de Santiago de Compostela e Lugo, así como outros que desexen participar na promoción desta disciplina deportiva como deporte, mellorar as condicións deportivas e preparación de futuras competicións deportivas. A iniciativa permite tamén que a comunidade universitaria practicante da disciplina poida coñecer e ter unha espazo físico e temporal axeitado para a práctica

Nas próximas sesións está prevista a organización de dúas quendas: unha de promoción para os máis cativos, de idades entre 8 e 11 anos; e outra con competidores e competidoras en idades entre os 12 e 30 anos aproximadamente. Ao longo da sesión tamén hai oco para que os dous grupos se xunten e poidan interactuar entre si. Arredor dun cento de deportistas sumáronse xa a este núcleo de adestramento que conta, na actualidade, coa participación de quince clubs. Trátase do Judo Base, Escola Judo, Terras Santiago, Vilas Alborada, Peleteiro, todos eles de Compostela; os clubs da capital luguesa Judo Lugo, Muralla, LugoKan, LVCVS Dojo e Senra; Cambre, Hércules e Oleiros, todos eles da zona da Coruña; e o Senin e Judo Pontevedra, pertencentes a esta última cidade e os seus arredores.

The contents of this page were updated on 03.07.2024.