Skip to main content

Aberto o prazo de preinscrición dos XXXIV Cursos de lingua e cultura galegas

Estudantes na inauguración da edición do ano 2023 dos Cursos. FOTO: RAG
Estudantes na inauguración da edición do ano 2023 dos Cursos. FOTO: RAG
Baixo o lema 'Galego sen fronteiras', volverán reunir o próximo mes de xullo en Santiago de Compostela estudantes de todo o mundo

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega organizan conxuntamente dende 1988 os Cursos de verán de lingua e cultura galegas 'Galego sen fronteiras'. A iniciativa desenvólvese un ano máis co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. A trixésimo cuarta edición terá lugar do 3 ao 24 de xullo, baixo a dirección do vicesecretario da Real Academia Galega e catedrático de Filoloxía Galega, Henrique Monteagudo, e coa académica de número e profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura María López Sández como secretaria académica.

O programa, organizado en distintos niveis, permítelle ao estudantado gozar dunha experiencia de inmersión no idioma e na sociedade galega. Ademais das aulas teóricas e prácticas de luns a venres, como é habitual, haberá relatorios de profesionais de prestixio de distintos sectores e visitas para coñecer o patrimonio natural, etnográfico e artístico de Galicia.

Os Cursos 'Galego sen fronteiras' foron recoñecidos na última edición dos Premios da Cultura Galega, na modalidade de proxección exterior, polo seu labor de promoción internacional da lingua e da cultura de noso. Moitos das persoas que participaron neles son na actualidade docentes que ensinan o galego en universidades de diversos países, traducen obras das letras galegas a outros idiomas e realizan contribucións académicas ao campo dos estudos galegos dende olladas externas enriquecedoras.

Pasaron polas súas aulas, entre outras persoas especialistas nos seus campos, Johannes Kabatek, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich e académico correspondente; Maria Boguszewicz, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia; Rob Boland, catedrático da Universidade de Sydney; a poeta e tradutora Erin Moure; a musicóloga Paulina Ceremuzynska; ou José Alberto Fuentes, director de produción de 'O corno', a longametraxe de Jaione Camborda premiada coa Cuncha de Ouro do Festival Internacional de Cine de Donostia.

The contents of this page were updated on 03.07.2024.