Skip to main content

Os VIII Premios Enxeñaría e Muller Rural distinguen os TFG de Alicia Lourenzo, Inés Seoane e Rocío López

Inés Seoane, Alicia Lourenzo e Rocío López, na EPS de Enxeñaría da USC
Inés Seoane, Alicia Lourenzo e Rocío López, na EPS de Enxeñaría da USC
A delegada da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; a directora da EPSE, Rosa Romero, e a presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero do centro, Dolores Fernández, salientaron a pegada feminina no ámbito das enxeñerías e puxeron o foco na alta calidade das tres propostas distinguidas

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC distingue cos VIII Premios Enxeñaría e Muller Rural, un certame promovido desde a Comisión de Igualdade de Xénero do centro universitario lugués para poñer en valor o importante cometido e a fonda pegada das mulleres enxeñeiras no medio rural, as propostas presentadas polas graduadas na EPSE Alicia Lourenzo Lourido, Inés Seoane Conde e Rocío López Juanes.

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; a directora da EPSE, Rosa Romero, e a presidenta da comisión de xénero de este centro universitario lugués, Dolores Fernández, salientaron na sesión de entrega dos galardóns a importancia da muller no eido das enxeñarías e, especialmente, as súas múltiples contribución ao medio rural.

As tres graduadas premiadas nesta edición do certame, que contempla cunha dotación económica de 400 euros para as autoras galardoadas, tiveron a oportunidade de expoñer os seus respectivos Traballos de Fin de Grao, que responden ás tres propostas mellor valoradas polo xurado.

A graduada en Robótica, Alicia Lourenzo Lourido, deu conta neste acto da temática abordada no TFG titulado ‘Deep Learning en el Borde’, una proposta innovadora e con aplicación industrial que aposta pola emprego de visión artificial xunto coas redes neuronais para substituír o tipo de sensórica que se emprega actualmente nos procesos.

Unha temática diferente é a tratada pola graduada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Inés Seoane Conde no TFG titulado ‘Análise das propiedades mecánicas de masas de Pinus Pinaster resinado para o seu aproveitamento como madeira estrutural’. O xurado valorou tamén neste caso a excelente calidade da memoria, a alta aplicabilidade da investigación e o seu carácter innovador, dado que o actual aproveitamento para resinación de masas de P. pinaster en Galicia demanda un maior coñecemento das súas propiedades mecánicas para o seu emprego construtivo unha vez que estas masas se aproximen ao momento da corta.

A tamén graduada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na EPSE Rocío López Juanes tamén resultou galardoada nos VIII Premios Enxeñaría e Muller Rural polo TFG ‘Cebo ecolóxico para 270 becerros en Pedrafita do Cebreiro’. Neste proxecto, a autora, alén de cumprir cos diversos requirimentos técnicos, legais... responde tamén ás demandas e aos intereses manifestados por unha gandeira de Pedrafita do Cebreiro que decidiu inverter no medio rural e incorpora as súas suxestións ao traballo final.

Emprendemento feminino

A Comisión de Igualdade de Xénero da Facultade de Administración e Dirección de Empresas celebrou tamén este xoves un acto conmemorativo do Día Internacional da Muller, unha sesión no marco da que a directora de Estudio Bo, Noa Piñeiro López, ofreceu o relatorio ‘Dificultades e retos de emprender en feminino’.

O decano da Facultade de ADE, Roberto Bande Ramudo, foi o encargado de dar a benvida a esta emprendedora nunha concorrida sesión que abarrotou de estudantes, docentes e investigadores o Salón de Graos do centro universitario lugués. Os actos promovidos na sede universitaria luguesa polo Día Internacional da Muller continúan este venres na Facultade de Ciencias coa celebración do coloquio ‘Muller e deporte’, que se desenvolverá a partir das 10.00 horas. A entrada é libre e de balde para o público interesado.

 

The contents of this page were updated on 03.07.2024.