Skip to main content

Xa é posible matricularse en novas probas e sesións de conversas no Centro de Linguas Modernas da USC

Xornada de benvida de 2023 do Centro de Linguas Modernas. FOTO: Santi Alvite
Xornada de benvida de 2023 do Centro de Linguas Modernas. FOTO: Santi Alvite
O prazo para anotarse para os exames de catalán e francés está aberto e nas vindeiras semanas comezará o período para matricularse nos de italiano e alemán

O Centro de Linguas Modernas da USC ten abertos na actualidade os períodos de inscrición en dúas probas de idiomas amparadas polos convenios da Universidade de Santiago e os centros de orixe, as das linguas catalá e francesa, mentres nas vindeiras semanas comezará o prazo para inscribirse nas probas das linguas italiana e alemá.

Así, para poder presentarse ás probas das Certificacións Oficiais de Catalán 2024, que se desenvolverán no mes de maio na USC en colaboración co Institut Ramon Llull, o prazo de inscrición e pagamento remata o mércores 13 de marzo. No caso dos Diplomas oficiais de lingua francesa DELF, os exames serán no mes de xuño e o prazo de matrícula remata o martes 9 de abril. Para os exames de lingua italiana CILS 2024 DUE-B2 que se desenvolverán no mes de xuño o prazo de matrícula comeza o venres 15 de marzo e finaliza o venres 19 de abril. No caso dos exames de lingua alemá Goethe-Zertifikat que terán lugar en xuño, o prazo de matrícula iníciase o 2 de maio e acaba o 31 de maio. Na Facultade de Filoloxía, será posible realizar probas CAPLE de portugués segundo o calendario publicado na web.

Conversas presenciais e en liña

Ata o 17 de marzo está aberto o prazo de matrícula nas sesións de conversas do segundo semestre para os idiomas francés e inglés. Trátase de sesións de conversación centradas na práctica da expresión e a interacción oral; nelas afiánzanse estruturas lingüísticas, repásase vocabulario, mellórase a pronuncia e gáñase en fluidez. Nas sesións de conversa participa profesorado especializado do CLM e un máximo de catro persoas nas sesións en liña e de seis nas sesións presenciais. A matrícula faise por períodos de 10 horas e as conversas duran 30, 40 ou 60 minutos por sesión segundo o idioma, ata esgotar as 10 horas.

Proba CCSE

Así mesmo, a USC oferta ao longo do ano a proba de coñecementos institucionais e socioculturais de España (Proba CCSE), elaborada polo Instituto Cervantes, que está dirixida ás persoas que solicitan a nacionalidade española e forma parte dos requisitos obrigatorios establecidos na lei 12/2015 (do 24 de xuño) e na lei 19/2015 (do 13 de xullo) para a obtención da nacionalidade española.

The contents of this page were updated on 03.11.2024.