Skip to main content

O profesor da USC Manuel Arturo López Quintela ingresa na real Academia Galega de Ciencias

O profesor da USC Manuel Arturo López Quintela ingresa na real Academia Galega de Ciencias
O profesor da USC Manuel Arturo López Quintela ingresa na real Academia Galega de Ciencias

O catedrático da USC Manuel Arturo López Quintela ingresa esta tarde na Real Academia Galega de Ciencias como académico numerario. No acto, ás 19.00 horas no Pazo de San Roque, pronunciará o discurso de ingreso ‘Clústeres cuánticos de átomos: o último reduto da química por descubrir nos límites da nanotecnoloxía’, que lle contestará o académico Pedro Merino Gómez.

López Quintela recibirá a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma entregarallo o reitor da USC, Juan Viaño. Ao acto está prevista tamén a asistencia do presidente do Consello da Cultura Galega, do reitor da UDC, da directora da Axencia Galega de Innovación, da Secretaria Xeral da Universidade de Vigo e da decana da Facultade de Química da USC, entre outras autoridades.

O profesor López Quintela licenciouse e doutorouse en Química na Universidade de Santiago, na que actualmente é catedrático adscrito á área de Química Física.Nos anos posteriores ao seu doutoramento levou a cabo numerosas estadías en universidades e centros de investigación estranxeiros, especialmente en Alemaña, Xapón e Inglaterra.

É autor de 336 traballos de investigación e participou nun gran número de proxectos nacionais e internacionais. Dirixiu 26 teses de doutoramento e é autor de 21 patentes, 13 delas licenciadas para a súa explotación. Co dirixe con José Rivas o grupo de investigación de Magnetismo e Nanotecnoloxía (Nanomag) do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago.

A súa actividade de investigación céntrase no estudo de nanomateriais, campo no que actualmente é unha autoridade recoñecida internacionalmente e no que promoveu a empresa spin-off Nanogap.

The contents of this page were updated on 02.15.2017.