Skip to main content
  • USC

CRUE Universidades desenvolverá en Compostela a súa Asemblea Xeral

Vista da sede da Reitoría da USC no Colexio de San Xerome
Vista da sede da Reitoría da USC no Colexio de San Xerome
A asociación de Universidades españolas iniciará o seu programa de actividades en Compostela este mércores cunha xornada sobre IA e continuará o xoves coa celebración da Asemblea Xeral na que se analizará a implantación da LOSU

CRUE Universidades Españolas, asociación que agrupa 77 universidades públicas e privadas españolas, inicia este mércores 13 o seu programa de actividades en Compostela coa celebración dunha Xornada sobre Intelixencia Artificial á que lle seguirá o xoves 14 a súa Asemblea Xeral na que se abordará a implantación da LOSU.

Mércores 13

A primeira das actividades da CRUE en Compostela desenvolverase este mércores 13 no transcurso dunha xornada sobre Intelixencia Artificial no Auditorio do Centro de Estudos Avanzados (CEA)  no Parque de Vista Alegre. A xornada comezará ás 16.00 horas nun acto que inaugurarán o reitor da USC, Antonio López; a presidente de CRUE e reitora da Universidade Jaume I, Eva Alcón Soler; e o presidente de CRUE Dixitalización e reitor da Universitat Politécnica de Catalunya, Daniel Crespo Artiaga.

A primeira sesión leva por título ‘Intelixencia artificial: posibilidades, riscos e oportunidades’ e impartiraa o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro Ameneiro. Seguiralle a intervención de Mairéad Pratschke, da Universidade de Manchester, para falar do impacto e as oportunidades da IA na docencia.A partir das 17.30 horas, o secretario executivo de CRUE Dixitalización, Pedro Miguel Ruiz Martínez, abordará experiencias de IA en universidades, e Daniel Crespo Artiaga pechará a xornada referíndose á iniciativa UniDigital IA do Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública.

Ex presidentes

Os ex presidentes de CRUE Universidades Segundo Píriz, Roberto Fernández, José Carlos Gómez Villamandos e Juan Romo serán obxecto dun acto de recoñecemento no Hostal dos Reis Católicos a partir das 20.00 horas. A presidente de CRUE faralles entrega a cada un dun volume sobre os principais fitos dos seu períodos de goberno ao fronte de CRUE.

Xoves 14

Xa o xoves 14 será a quenda da Asemblea Xeral da CRUE, nunha xuntanza que estará dedicada á análise e debate sobre a implantación da LOSU e as necesidades de financiamento asociadas á súa aplicación.

 

The contents of this page were updated on 03.13.2024.