Skip to main content

O blog do proxecto sobre o Camiño de Georgiana Goddard King enriquécese con seis novos artigos

Peregrinos en Roncesvalles en 1906. Imaxe do arquivo do proxecto sobre Georgiana Goddard King
Peregrinos en Roncesvalles en 1906. Imaxe do arquivo do proxecto sobre Georgiana Goddard King
Manuel Rodríguez en dúas entregas, Mar Llinares, Francisco Javier Novo, Anne Born e Miguel Taín analizan distintos aspectos do traballo da historiadora da arte sobre a ruta xacobea

O blog ‘Georgiana Goddard King, pionera del Camino de Santiago’ creceu este trimestre con seis novos artigos que enriquecen os contidos publicados desde outubro de 2021. Os textos máis recentes son de Manuel Rodríguez (dúas entregas), Mar Llinares, Francisco Javier Novo, Anne Born e Miguel Taín. Este blog naceu para divulgar os contidos máis interesantes do proxecto de investigación ‘Georgiana Goddard King: The Way of St James (1920). La primera guía erudita del Camino de Santiago, escrita por una pionera norteamericana’, que inclúen resultados de investigacións sobre o patrimonio, lendas, paisaxes, antropoloxía ou lendas do Camiño vistos por King.

O texto máis recente do blog é ‘Las leyendas, milagros y tradiciones en The Way of Saint James un siglo después de su publicación’, da autoría de Manuel Rodríguez, na que o autor apunta que “non hai na obra da nosa autora ningunha lenda, milagre ou tradición dos peregrinos xacobeos que se resalte como aínda viva no tempo no que ela aborda e percorre o Camiño”, coa excepción do milagre do galo e da galiña de Santo Domingo de la Calzada, na Rioxa.

O blog depende da web da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións e nas próximas semanas publicarán nel firmas internacionais invitadas. O proxecto sobre Georgiana Goddard King foille concedido en 2021 pola Axencia Estatal de Investigación a un equipo de investigación da USC integrado por Miguel Taín Guzmán e Patricia Viviana Fra López como investigadores principais, e completado por María del Mar Llinares García e Xosé Manuel Santos Solla. O equipo de traballo está formado por Miguel Ángel Cajigal Vera, George Greenia, Francisco Javier Novo Sánchez, Paula Pita Galán e Manuel Rodríguez Fernández.

O obxectivo do proxecto é o estudo integral dos contenidos de ‘The Way of St. James’ (New York: G.P.Putnam’s Sons, Hispanic Society, 1920, tres volumes), da historiadora da arte norteamericana Georgiana Goddard King (1871-1939); trátase da primeira análise contemporánea publicada no mundo sobre o Camiño de Santiago de Compostela, percorrido desde os Pireneos pola autora na década de 1910.

The contents of this page were updated on 03.14.2024.