Skip to main content

A importancia do debuxo na ‘arte’ de educar

 Vicente Blanco e Salvador Cidrás, nunha mostra de material e formas para uso educativo
Vicente Blanco e Salvador Cidrás, nunha mostra de material e formas para uso educativo
Os artistas e docentes da área de Didáctica da Expresión Plástica da USC en Formación do Profesorado Vicente Blanco Mosquera e Salvador Cidrás comparten as súas innovadoras experiencias de pedagoxía creativa coa infancia coa comunidade educativa de Brasil, onde este luns presentan na III Bienal do Libro de Guarulhos a obra ‘Debuxar o mundo. Xogar, crear, compartir’, galardoada co Premio Marta Mata 2020
Lugo

Os artistas e docentes da área de Didáctica da Expresión Plástica na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC Vicente Blanco Mosquera e Salvador Cidrás compartirán ata finais de mes as súas innovadoras experiencias de pedagoxía creativa coa infancia con distintos sectores da comunidade educativa de Brasil, onde este luns presentan na III Bienal Internacional do Libro de Guarulhos (Sao Paulo) a obra ‘Debuxar o mundo. Xogar, crear compartir’, galardoada co Premio Marta Mata 2020.

Convidados pola Cámara Brasileira do Libro, unha asociación de editores, libreiros, distribuidores e outros profesionais do sector que botou a andar hai preto de 80 anos co obxectivo de contribuír a reforzar todos os chanzos da cadea de produción do libro, ademais de impulsar e promover a democratización do acceso á lectura, Blanco Mosquera e Cidrás, incidirán neste foro sobre a importancia de incorporar a creatividade e a pedagoxía creativa á metodoloxía educativa en idades temperás, pois “pódese ser creativo co mínimo e un lapis tamén unha tecnoloxía”, salienta Blanco Mosquera.

Sabedores de que a educación abre portas que dan acceso a outras sensibilidades e outros coñecementos, Blanco Mosquera e Salvador Cidrás estenderán a súa estadía en Brasil ata finais de marzo para impartir varias conferencias, ademais de para conducir distintos obradoiros creativos orientados a educadores, a fin de poder transferir así os resultados das súas investigacións e a aprendizaxe adquirida nos distintos proxectos xa desenvolvidos con escolares e docentes de Infantil e Primaria.

A intervención destes docentes da área de Didáctica da Expresión Plástica en Formación do Profesorado na III Bienal Internacional do Libro de Guarulhos permitirá a Vicente Blanco e a Salvador Cidrás dar conta á sociedade brasileira das posibilidades que ofrece o debuxo como medio espontáneo, ubicuo e democrático para a práctica educativa e artística do ser humano.

A narrativa artística na que conviven palabras e imaxes, o debuxo a través do xogo e a concienciación e o activismo social a partir de procesos creativos, a experimentación con formas e materiais ou a necesaria dimensión estética dunha educación non limitada por estándares socialmente dominantes son algunhas das cuestións que abordarán Blanco e Cidrás en Brasil, “un país que procura na educación o impulso necesario para avanzar na súa transformación social”, sinala Blanco.

Este docente da USC confía asemade en que as distintas actividades de formación e divulgación que teñen previsto realizar tanto na Facultade Phorte de Sao Paulo como en Río Grande do Sul, onde Blanco e Cidrás tamén impartirán formación continua a profesores e responsables de Educación Infantil na Rede Municipal de Novo Hamburgo, permitan proxectar no país suramericano a Facultade de Formación do Profesorado da USC e, sobre todo, transferir os resultados e os procesos das súas metodoloxías de ensino e aprendizaxe.

Portada do volume 'Debuxar o mundo'
Portada do volume 'Debuxar o mundo'
The contents of this page were updated on 03.15.2024.