Skip to main content

Convocadas as axudas para fomentar a iniciativa cultural e deportiva do estudantado da USC

Estas axudas, para as cales se destina un total de 5.000 euros, súmanse ás xa resoltas para o desenvolvemento de actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural. FOTO: Santi Alvite
Estas axudas, para as cales se destina un total de 5.000 euros, súmanse ás xa resoltas para o desenvolvemento de actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural. FOTO: Santi Alvite
O prazo para formalizar as solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro e a contía máxima que se poderá percibir por candidatura será de 400 euros
Lugo, Santiago de Compostela

Co ánimo de fomentar a iniciativa cultural e deportiva do estudantado da USC, a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura en colaboración coa Área Deportiva abre unha liña de axudas para apoiar o desenvolvemento de actividades culturais e físico-deportivas que nazan no ámbito da poboación estudantil universitaria. O prazo para formalizar as solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por actividade aquela actuación organizada de carácter físico-deportiva ou cultural que sexa proposta por unha persoa que pertenza ao colectivo estudantil da USC. A contía máxima por solicitude será de 400 euros.

As persoas beneficiarias desta convocatoria son todas as que pertenzan á comunidade de estudantes da USC, quedando excluídas as solicitudes realizadas en nome de asociacións universitarias, xa que estas contan cunha convocatoria específica. Só se poderá presentar unha solicitude por actividade e deberán  contar co aval dun mínimo de 20 estudantes da USC. A actividade debe adecuarse ao obxecto desta convocatoria, estar aberta a toda a comunidade universitaria e cumprir coa lexislación vixente en materia de convivencia. As actividades deben incluír a perspectiva de xénero no seu deseño e execución.

A actividade debe recoller tamén unha previsión do seu impacto ambiental (en termos de aforro enerxético ou xeración de residuos, por exemplo), e empregar a lingua galega na súa difusión e execución. As actividades, con carácter previo ao seu inicio, deberán dispoñer dos seguros e permisos necesarios para a súa realización conforme á lexislación vixente, alén de executarse antes do 15 de novembro de 2024. As solicitudes, dirixidas á Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, deben presentarse no rexistro da sede electrónica da USC, de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.

Estas axudas, para as cales se destina un total de 5.000 euros, súmanse ás xa resoltas para o desenvolvemento de actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural convocadas pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura para o ano 2024 e da que se beneficiarán o Consello do Estudantado, xunto a catorce centros da USC. Esta última convocatoria dotouse  de 35.000 euros.

The contents of this page were updated on 03.15.2024.