Skip to main content

Maria J. Matos, unha das voces escollidas polo ‘Journal of Medicinal Chemistry’ para fomentar vocacións científicas entre as máis pequenas

Maria J. Matos relata no artigo como a curiosidade marcou a súa infancia. FOTO: Santi Alvite
Maria J. Matos relata no artigo como a curiosidade marcou a súa infancia. FOTO: Santi Alvite
Co gallo do 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres, a publicación recolle testemuños de científicas especializadas en química terapéutica arredor de que foi o que as motivou para entrar nese eido investigador
Santiago de Compostela

A investigadora da USC Maria J. Matos é unha das voces que integran a editorial ‘Empowering Voices: Inspiring Women in Medicinal Chemistry’, publicado no Journal of Medicinal Chemistry. Co gallo do 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres, o artigo atópase integrado por diversas científicas especializadas en química terapéutica que relatan historias arredor de que foi o que as motivou para entrar nese eido investigador. “Proporcionar modelos a seguir, alento e inspiración ás demais” é o obxecto desta iniciativa na que Maria J. Matos é a única investigadora asinante que pertence a unha universidade española.  Así, as contribucións resaltan as súas paixóns e motivacións, así como como “o seu amor polas ciencias e o seu impulso para mellorar a saúde humana contribuíndo á investigación básica e creando fármacos que salvan vidas”.

Maria J. Matos relata no artigo como a curiosidade marcou a súa infancia, formulándose cuestións sobre por que o arco da vella ten tantas cores ou por que a comida goza de diferentes sabores. Unha feira científica á que asistiu con nove anos foi clave na elección do seu futuro. Así, quedou fascinada ao ver, por exemplo, a faísca producida polo sodio na auga. Nese intre, a investigadora da USC descubriu que quería ser científica.

Anos máis tarde, desenvolveu a súa paixón pola química terapéutica, un eido que ela define como “multidisciplinario e con infinitas fronteiras”.  Esta é unha disciplina, continúa Maria J. Matos, que tende pontes coa química, farmacoloxía e biomedicina dando lugar a “unha contorna creativa con complementarias áreas de coñecemento”. A profesora explica como traballa no ámbito das enfermidades neurodexenerativas, tentando atopar solucións terapéuticas a enfermidades complexas.  

The contents of this page were updated on 03.15.2024.