Skip to main content

Un estudo sinala os lípidos en sangue como potenciais biomarcadores de COVID persistente

O achado, publicado recentemente en 'Journal of Infection and Public Health', foi posible grazas á colaboración entre persoal médico e investigador de distintos perfís. FOTO: Santi Alvite
O achado, publicado recentemente en 'Journal of Infection and Public Health', foi posible grazas á colaboración entre persoal médico e investigador de distintos perfís. FOTO: Santi Alvite
A investigación na que intervén persoal do CiQUS, da Facultade de Física e do IDIS supón un avance na comprensión das secuelas desta patoloxía e abre a porta para mellorar o seu tratamento
Santiago de Compostela

Aínda que a pandemia orixinada polo SARS-CoV-2 ficou atrás, o seu eco persiste e aínda son moitas as incógnitas que a ciencia tenta despexar. Hoxe en día sábese que para moitos pacientes de COVID-19, o final da etapa aguda da infección é só o comezo doutra experiencia difícil: a post-COVID. Durante a denominada COVID persistente ou long COVID, estas persoas desenvolven unha amálgama de síntomas prolongados que poden incluír dificultade respiratoria, fatiga, tose ou perda de olfacto, entre outros. Agora, un novo estudo liderado pola investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) Rebeca García Fandiño e con Pablo F. Garrido como autor principal, lanza luz sobre os cambios nos lípidos sanguíneos de pacientes con COVID persistente. A investigación supón un avance na comprensión destas secuelas e abre a porta para mellorar o seu tratamento.

Os expertos analizaron o plasma de 147 pacientes con COVID persistente. Utilizando técnicas de lipidómica, estudaron un espectro de case 400 lípidos polares distintos. A partir de aí, recorreron a técnicas avanzadas de minería de datos e aprendizaxe automática para desenvolver modelos de clasificación precisos que distinguen entre pacientes sintomáticos e asintomáticos de COVID persistente. A análise revelou alteracións específicas relacionadas coa inflamación e a resposta inmunolóxica continua, ofrecendo unha nova perspectiva sobre a natureza persistente do COVID. Ademais, algúns destes lípidos foron identificados como potenciais biomarcadores, o que permitiría levar a cabo diagnósticos máis precisos e desenvolver tratamentos específicos para esta enfermidade.

Ata o de agora, os estudos apuntaban a unha disfunción inmune, outros sinalaban unha inflamación persistente, pero o mecanismo fundamental da COVID persistente aínda non ficaba claro. Unha abafadora maioría de investigacións centrouse na etapa aguda desta afección, polo que se fai precisa a información sobre determinadas alteracións que teñen lugar nas últimas fases da enfermidade, relatan dende o equipo investigador.

Técnicas computacionais

O achado, publicado recentemente en Journal of Infection and Public Health, foi posible grazas á colaboración entre persoal médico e investigador de distintos perfís. O proxecto reuniu expertos do CiQUS, a Facultade de Física da USC, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a Universidade de Córdoba e a Universidade do País Vasco. A loita contra as infeccións víricas, como a provocada polo SARS-CoV-2, a través do descubrimento de novas estratexias de diagnóstico constitúe unha das prioridades científicas do CiQUS. O equipo da doutora García Fandiño está especializado en aplicar técnicas computacionais para explorar a estrutura e a función das membranas lipídicas, como diana de interacción con biomoléculas.

"Esta investigación complementa os achados recentes no campo da proteómica, onde se relacionou o COVID persistente con alteracións a nivel proteico", sinala a investigadora principal do CiQUS. Ambos os enfoques, proteómico e lipidómico, son fundamentais para unha comprensión integral da enfermidade, destacando a importancia dunha visión multifacética na investigación médica. García Fandiño destaca que o presente traballo "non só engade unha peza crucial ao crebacabezas da COVID persistente senón que tamén recalca a necesidade de explorar diversos camiños científicos para desentrañar os mecanismos detrás das secuelas virais. Con estes avances, estamos un paso máis preto de desenvolver terapias máis eficaces e personalizadas, mellorando así a calidade de vida de quen enfronta os efectos prolongados da COVID-19".

The contents of this page were updated on 03.18.2024.