O concurso de vídeos Vémolo Nós abre a súa segunda edición

A comunidade universitaria da USC dispón de prazo ata o 24 de xuño para presentar, un ano máis, os seus vídeos ao concurso Vémolo Nós co que se pretende fomentar o uso do galego como lingua de divulgación científica.
Coa produción e a difusión destes vídeos curtos e orixinais en galego búscase constituír un compendio de materiais audiovisuais útiles para a docencia no ámbito universitario e para ter como referentes produtos audiovisuais de calidade á súa disposición que sirvan de modelo para a creación deste tipo de materiais. Ao tempo, o certame propón como retos coñecer a historia da USC a través das personaxes e dos fitos que deixaron pegada na súa traxectoria e amosar a utilidade do galego na futura vida laboral dos universitarios e universitarias.
O concurso establece tres categorías -Divulgación do coñecemento, Descubrindo a USC e Protagonista: o galego- e dous premios en metálico para dada unha delas: 1.500 euros para a persoa gañadora e 300 para a finalista.
Tanto o audio coma os textos do vídeo, se os houber, deberán estar en galego aínda que o produto final poderá estar subtitulado a outras linguas. Os traballos, inéditos e orixinais, terán que ter unha duración inferior a 5 minutos e serán válidos tanto formatos horizontais como verticais.