Skip to main content

O ex ministro Joan Subirats lembra en Ciencias Políticas a obriga dos gobernos de intervir na sociedade para acadar a igualdade das persoas

Joan Subirats, esquerda, foi presentado por Ramón Bouzas. FOTO: Santi Alvite
Joan Subirats, esquerda, foi presentado por Ramón Bouzas. FOTO: Santi Alvite
Participou nunha sesión académica co gallo da conmemoración do patrón de Ciencias Políticas e Sociais

O ex ministro de Universidades e catedrático emérito da Universitat Autònoma de Barcelona, Joan Subirats, asegurou este martes 19 en Santiago que a sociedade actual se atopa nunha época de cambio e crises tecnolóxica e ambiental, entre outras, e que os gobernos deben intervir con medidas concretas na sociedade para conseguir a igualdade das persoas, xa que é unha obriga que aparece recollida na Constitución. Realizou esta afirmación no transcurso dunha sesión académica co gallo da conmemoración do patrón da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais.

Subirats lembrou que as crises interactúan entre si e fan máis complexo o sistema social, amplificando a volatilidade, a incerteza, a complexidade e a ambigüidade, e salientou o feito de que “a medida que o estado aumenta a súa responsabilidade nos asuntos públicos son necesarias ferramentas para ir máis alá de obter e manter o poder” que era o obxectivo principal en tempos pasados.

Segundo explicou o investigador e político, a primeira cátedra de Ciencia Política creouse no ano 1800 na universidade sueca de Uppsala, pero foi despois do final da Segunda Guerra Mundial cando se constatou na práctica que “non chega con proclamar dereitos, senón que hai que intervir, os poderes públicos deben actuar para conseguir a igualdade” e cando se comezaron a estudar as políticas públicas desde o ámbito da ciencia política.

O decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, Ramón Bouzas, salientou que Joan Subirats é “unha peza cardinal na fundación do noso campo académico, a administración política, que antes se abordaba desde o eido xurídico ou desde o económico”, mentres que el logrou “aproximar a ciencia política á función pública”. Ademais, louvou de Subirats “a capacidade de crear equipo, de cohesionar”, apoiando a creación de novas facultade de Ciencias Políticas en todo o Estado, como sucedeu no caso do centro compostelán. Foi cando adquiriu a condición de emérito na universidade cando se comezou a involucrar na política, primeiro no Concello de Barcelona e despois como titular do Ministerio de Universidades.

Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 03.19.2024.