Skip to main content

O equipo de María Jesús Domínguez recolleu este mércores o seu Premio de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias

Foto de grupo do equipo da USC gañador. Foto: Suso Rivas
Foto de grupo do equipo da USC gañador. Foto: Suso Rivas
Foille recoñecido cun accésit un traballo sobre o control do metabolismo da glicosa. O primeiro premio foi para un traballo do equipo de Soledad Muniategui

Un equipo de investigación do Centro singular de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC recolleu este mércores un dos dous accésits outorgados nos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

A vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo, asistiu ao acto de entrega dos galardóns no que participaron o presidente da RAGC, Juan Lema; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas.

Con María Jesús González á fronte do equipo, o recoñecemento pon en valor o traballo do equipo da USC  no control do metabolismo da glicosa. Tal como explican dende o grupo, “a homeostase da glicosa ou mantemento dos niveis de glicosa en sangue é esencial para o correcto funcionamento do organismo. As alteracións no seu mantemento e regulación atópanse na raíz do desenvolvemento de importantes enfermidades como a diabetes ou a síndrome metabólica”.

O primeiro premio desta edición do galardón da RAGC recaeu nun proxecto liderado por Soledad Muniategui, do Grupo de Química Analítica Aplicada do Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, orientado a resolver problemas científicos que permitan ás autoridades abordar e mitigar a incidencia ambiental dos microplásticos. Tamén se outorgou un segundo accésit ao equipo dirixido por Marcos Ortega, do Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. O traballo premiado céntrase no desenvolvemento de novos paradigmas de aprendizaxe automática para facilitar a aplicación da intelixencia artificial na análise das imaxes médicas.

O estudo da USC
Segundo indican, “os niveis de glicosa en sangue son o resultado dun balance entre a glicosa que se inxire co alimento, a que se consume nos diferentes tecidos e órganos, e a que se produce no organismo -principalmente no fígado-. O mantemento dun balance adecuado require da acción coordinada da insulina e as hormonas contrarreguladoras”. María Jesús González explica que este proceso está regulado pola proteína PCK1, de xeito que “poder controlar a súa actividade encimática representa un paso fundamental no deseño de novas terapias para o tratamento da diabetes, en particular a de tipo 2, unha enfermidade que afecta a máis de cinco millóns de persoas en España”. 

Ata agora descoñecíanse os procesos moleculares implicados na regulación da actividade encimática desta proteína. No proxecto desenvolto polo equipo da USC descríbese por primeira vez un mecanismo implicado en particular na produción de glicosa, que é esencial para controlar tanto a actividade encimática desta proteína como os niveis de glicosa en sangue, con importantes implicacións fisiolóxicas e fisiopatolóxicas. Os resultados deste traballo publicáronse na revista científica Cell Metabolism, líder no campo de endocrinoloxía, metabolismo e bioloxía celular; que ademais elixiu este traballo como un dos 10 máis importantes publicado en 2023 sobre diabetes e metabolismo da glicosa.

“Sentímonos especialmente orgullosos de ter recibido este recoñecemento por parte da RAGC, que pon en valor a importancia da investigación básica, multidisciplinar e colaborativa como ferramenta para facer fronte aos desafíos clínicos presentes na nosa sociedade. Estamos moi felices porque é un premio avaliado por investigadores de prestixio en diferentes eidos e supón ademais un estímulo para seguir a traballar para afrontar os novos retos que temos por diante” -salientan desde o equipo investigador-.

Os premios
Con esta convocatoria, A RAGC busca promover e recoñecer a investigación de maior nivel desenvolvida en Galicia nas áreas de coñecemento das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas; e ciencias económicas e sociais -todas elas integradas na RAGC-. Nesta 33ª edición presentáronse un total de 44 propostas. Os equipos premiados recibirán o seu galardón o vindeiro 20 de marzo no Pazo de San Roque, en Santiago.

Foto de grupo de todos os equipos de investigación premiados. Foto: Suso Rivas
Foto de grupo de todos os equipos de investigación premiados. Foto: Suso Rivas
The contents of this page were updated on 03.21.2024.