Skip to main content

O impacto social da arte urbana, a análise no Curso de Primavera da USC do 10 ao 12 de abril en Humanidades

Mural de Xulio César, a carón da muralla romana de Lugo. Foto: Diego As
Mural de Xulio César, a carón da muralla romana de Lugo. Foto: Diego As
Diego AS, Yoe 33, May Rojas, Pía Piadosa ou Asunción Moreno participarán, xunto con outros 30 artistas, expertos e investigadores nacionais e internacionais nun programa gratuíto que mantén aberta a inscrición ata o 5 de abril
Lugo

O impacto artístico e social da arte urbana centra a temática da nova edición do Curso de Primavera da USC, un programa de formación e divulgación promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e incluído no abano de actividades que conforman a grella da Primavera Cultural da USC, que se desenvolverá do 10 ao 12 de abril na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC. A inscrición nesta actividade e libre e de balde para todo o público interesado, que pode formalizar a súa matrícula a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).

O programa ‘Pegadas no muro. Relatos e proxectos de arte urbana’, coordinado polas profesoras e investigadoras do Departamento de Historia da Arte da USC Miriam Elena Cortés e Patricia López Cupeiro, xurde en resposta ao grande apoxeo que está a experimentar nos últimos anos en Galicia este fenómeno artístico e social. As últimas edicións dos premios Street Art Cities, en cuxa última edición resultaron galardoadas obras de Sfhir, en Fene; Lula Goce, en Nigrán, e Yoe 33, en Lugo, testemuñan unha realidade da xa avanzada en 2022, cando Diego As acadou o primeiro premio do certame cun retrato de Xulio César a carón da muralla romana de Lugo.

Coa auxe do graffiti no século XX, a arte urbana vencellouse ao debate sobre a utilización do espazo público e a denuncia social, subliñan as coordinadoras deste novo Curso de Primavera da USC, que tamén poñen o foco na evolución experimentada desde o muralismo ata o graffiti, ata chegar ao que na actualidade se considera Street Art e que converte os muros das rúas en espazos ou soportes para a transmisión de mensaxes reflexivas, irónicas, críticas, multiculturais ou subversivas.

As expresións gráficas no espazo público e o muralismo remóntanse moi atrás no tempo, pero é agora cando as institucións están a apoiar e promover decididamente este tipo de proxectos e as plataformas de divulgación fanse eco destas propostas con maior interese. De ser unha manifestación cultural transgresora e unha expresión reivindicativa ligada ás marxes sociais, a Street Art pasou a experimentar o recoñecemento do seu impacto positivo nas contornas urbanas e rurubanas e a transformación do territorio.

O impacto que está a ter a Street Art propiciou que a Facultade de Humanidades da USC optara por analizar este fenómeno artístico dende diferentes perspectivas: artística, estética, histórica, social, didáctica, antropolóxica, xeográfica, comunicativa..., no marco desta nova edición do Curso de Primavera da USC, un foro aberto e transversal no que participarán expertos a nivel nacional e internacional como Asunción Moreno, Adris Díaz, Antonio Alcántara ou Laura Luque. Xunto a estes especialistas tamén están convidados recoñecidos artistas da talla de May Rojas, Diego AS, Yoe 33 ou Pía Piadosa, ademais de promotores e organizadores de festivais de arte urbana en Galicia.

O programa desta nova edición do Curso de Primavera da USC conta tamén coa participación de docentes e persoal investigador da USC, que achegará a súa particular visión sobre a arte urbana. Todas as persoas inscritas neste actividade tamén poderán participar nunha conversa-taller coa artista Doa Oa, así como nun roteiro polos murais de Lugo, guiado por Elena Freire.

Cartaz do Curso de Primavera da USC 2024
Cartaz do Curso de Primavera da USC 2024
The contents of this page were updated on 03.21.2024.