Skip to main content

A mocidade galega achégase á investigación en células nai no Unistem Day

A xornada desenvolveuse na Facultade de Psicoloxía. Foto: Santi Alvite
A xornada desenvolveuse na Facultade de Psicoloxía. Foto: Santi Alvite
Organizada polo grupo de Neuroloxía Celular e Molecular da Enfermidade do Párkinson do CiMUS da USC, a xornada tivo lugar na Facultade de Psicoloxía

O Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson do CiMUS da USC, liderado polo catedrático José Luis Labandeira, reuniu este venres en Psicoloxía 300 estudantes e docentes de oito centros educativos na xornada Unistem Day 2024, o maior evento internacional na divulgación sobre células nai e terapia celular promovido pola Università degli Studi di Milano. 

A inauguración do evento estivo presidida pola vicerreitora de Política Científica, María Pilar Bermejo Barrera, a decana da Facultade de Psicoloxía, María José Sampedro Vizcaya, e o codirector do CiMUS e investigador principal do grupo organizador, José Luis Labandeira García.

A viaxe interminable
Baixo o lema ‘A viaxe interminable da investigación en células nai’, a xornada busca achegar a ciencia a estudantes novos e espertar o seu interese e vocación pola investigación coa asistencia a charlas de docentes e investigadores da USC sobre os últimos avances no terreo das células nai e a terapia celular.

O alumnado pertence aos IES composteláns Rosalía de Castro, Xelmírez I e Xelmírez II, os colexios tamén de Santiago M. Peleteiro e Compañía de María; o IES Manuel García Barros de A Estrada; o IES Plurilingüe de Valga, e o9 CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense. Todas e todos eles asistiron a charlas con títulos tan curiosos como ‘Despegando coas células nai’, ‘Tras as pegadas microscópicas: unha viaxe a través da investigación con células nai’, ‘O hospital de 'Minecraft': cada cubo, unha célula nai’ ou ‘Células nai: verdades, mentiras e o que hai en medio. Houbo tamén tempo para xogos interactivos conducidos por Lucía García, Laura Camacho, Cristina Gianzo, Pilar Aldrey e Iria Novoa coa colaboración de CASIO División Educativa, Leboriz y Principia.

O Ano Cajal, tamén protagonista
Ademais, este ano, enmarcado no Ano de Investigación Ramón y Cajal, incluíuse a charla ‘Elas: esas bolboretas da alma. #Año Cajal’ impartida pola investigadora do CiMUS Ana I. Rodríguez, que desvelou cales foron as mulleres neurocientíficas da escola de Cajal.

O evento conta co patrocinio de CiMUS, Celta Ingenieros, Fisher Scientific, Merck, Cienytech, Izasa Scientific, Casio División Educativa, Levoriz, Principia, Editorial Elsevier, Editorial Panamerica, Domino’s Pizza, Gadis e Albarin Catering.
 

De esquerda a dereita, María José Sampedro Vizcaya, María Pilar Bermejo Barrera e José Luis Labandeira García. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, María José Sampedro Vizcaya, María Pilar Bermejo Barrera e José Luis Labandeira García. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 03.22.2024.