Decanas e decanos de Filoloxía da USC traballan na conmemoración dos 50 anos da Facultade
O actual decano de Filoloxía, Elias J. Feijó Torres, reuniu este venres as anteriores decanas e decanos do centro para traballar nos actos de conmemoración dos 50 anos da Facultade que terá o vindeiro curso académico 2024-25.
O encontro serviu para unha primeira posta en común con vistas a esa celebración e para a que está prevista a participación de toda a comunidade do centro nas diversas vertentes de docencia, investigación, transferencia e difusión do coñecemento e acción cultural. Para iso está prevista a constitución de diversos grupos de traballo.
Unha das actividades previstas é unha serie de conferencias mensuais de cada un dos ex decanos e ex decanas, entre outubro e maio próximos, que servirá para nutrir a memoria e a reflexión sobre estes cincuenta anos.
Na xuntanza participaron, xunto co decano Feijó e a actual vicedecana Alejandra Ulla Lorenzo e o secretario Eduardo Moscoso Mato, os anteriores responsables dos equipos decanais: Ramón Lorenzo, Guillermo Rojo, Darío Villanueva, Isabel González, Emilio Montero, Mercedes Brea, Ernesto González e María José López Couso.