Skip to main content

O Campus Terra amplía competencias de estudantes e PDI cun plan formativo aberto tamén a produtores

Vista edificio Cactus do Campus de Lugo
Vista edificio Cactus do Campus de Lugo
O programa inclúe preto de 40 accións, entre cursos monográficos, seminarios e obradoiros, sobre temáticas relacionadas coas liñas estratéxicas da actividade investigadora e docente que se desenvolve no Campus Terra da USC
Lugo

O Campus de Especialización Campus Terra da sede universitaria luguesa, financiado pola Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades, busca ampliar as competencias do seu alumnado e PDI, así como do tecido empresarial e dos axentes produtivos coa posta en marcha dun programa de accións formativas gratuítas estruturado en diversos cursos de temáticas específicas que se desenvolverán ao longo deste ano 2024. As prazas ofertadas en cada un dos módulos específicos programados son limitadas e a inscrición xa está aberta en liña.

O obxectivo destas actividades formativas é fomentar e complementar a formación continua do persoal docente e investigador do Campus de Lugo, potenciar a transversabilidade de coñecementos entre o alumnado de graos e mestrados e mellorar a capacitación de profesionais vinculados ás áreas de coñecemento do Campus Terra. As diversas convocatorias van dirixidas principalmente á comunidade universitaria do campus lucense, pero tamén están aberta a todos os membros da USC cuxa actividade teña ligazóns cos eixos científicos do Campus Terra, así como aos axentes produtivos e mesmo ao persoal do tecido empresarial.

Algunhas das propostas do programa formativo do Campus Terra 2024 xa están a desenvolverse, aínda que a práctica totalidade das preto de 40 actividades (cursos, seminarios, obradoiros...) ofertadas comezarán nos vindeiros meses. A temática das cursos é ampla e abrangue desde o programa matemático Mathcad II, ata ferramentas de IA e técnicas de antropometría na docencia, xestión de proxectos BIM, cálculo científico con Python, edición de documentos, aplicacións de control de plaxio, xestión de proxectos, oratoria, habilidades comunicativas, deseño gráfico, accións pedagóxicas, clasificación de cogomelos comestibles e velenosos...

A estes cursos de temática específica súmanse outros seminarios sobre oncoloxía, mundo rural e ditadura, enxeñaría, dixitalización de empresas, estudos computacionais, Entroido e medio rural, incendios forestais, loita contra o cambio climático e mesmo sobre despoboamento e dinamización económica do medio rural galego.

Oito obradoiros completan o plan de formación do Campus Terra 2024. As propostas ofertadas nesta ocasión inclúen unha masterclass sobre cortes singulares da IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega/Boi Galego, e sesións específicas sobre cultivo de sabugueiro en Galicia, reprodución, control de calidade e nutrición como nichos de emprego para as persoas graduadas en Veterinaria, propiedade industrial, alimentación humana e saúde...

Inscrición

O prazo de inscrición en calquera das accións incluídas no programa de formación do Campus Terra xa permanece aberto, polo que as persoas interesadas poden realizar xa a súa matrícula de balde a través do formulario habilitado en liña. As prazas ofertadas en cada para cada unha das propostas formativas están limitadas e o proceso de admisión dará prioridade ás persoas ligadas ao Campus Terra.

Os membros da comunidade universitaria do Campus Terra, en particular, e da USC, nun contexto máis amplo, poden tamén obter máis información respecto desta oferta de formación a través dos números de teléfono 982822854/22860 ou tamén no enderezo de correo electrónico campus.terra [at] usc.es (campus[dot]terra[at]usc[dot]es).

Plan formativo do Campus Terra 2024
Plan formativo do Campus Terra 2024
The contents of this page were updated on 03.25.2024.