Skip to main content

A revista ‘Dorna’ inicia unha nova xeira coa inclusión de seccións monográficas en cada número

Presentación do número 45 da revista 'Dorna'
Presentación do número 45 da revista 'Dorna'
Abre o prazo para o envío de poemas e outros formatos literarios para a publicación que sairá a principios de 2025, cun espazo arredor da temática LGBTIQ+ e/ou sexualidades non-normativas

A revista de creación Dorna. Expresión poética galega fai unha chamada para a publicación a principios do 2025 de poemas e outros formatos literarios no seu número 46, que terá novidades, pero sempre co obxectivo co que foi concibida a comezos da década dos oitenta a revista: a publicación de poesía en lingua galega.  Alén dalgúns cambios de formato na revista, a principal evolución nesta nova etapa é a elaboración de números monográficos nos que se combinarán textos dunha temática específica cunha sección de miscelánea, na que ademais de textos de creación se manterán as habituais ‘Voces de Fóra’ e ‘Poéticas’.

Para o volume vindeiro, a sección monográfica centrarase na expresión poética e outros formatos literarios arredor de temática LGBTIQ+ e/ou sexualidades non-normativas. O Consello de Redacción convida a enviar ao novo correo electrónico da publicación (revista.dorna [at] usc.gal (revista[dot]dorna[at]usc[dot]gal)) propostas de creación que cuestionen as propias nocións de ‘xénero’ e/ou ‘sexualidade’.

Todas as persoas que queiran facer chegar as súas composicións tanto para a sección monográfica como para a sección miscelánea, que será de temática aberta, poden contactar coa revista antes do 30 de xuño de 2024, enviando a súa obra nun arquivo .doc e nun PDF anexo no que tamén apareza o seu nome e apelidos (haberá que especificar nome artístico que asinará o texto no caso de ser distinto), título e correo electrónico de contacto. A extensión dos textos será de entre unha e tres páxinas e a comunicación de propostas aceptadas farase a finais do mes de xullo.

The contents of this page were updated on 03.25.2024.