Skip to main content

Últimos días para inscribirse no X Encontro Internacional de Xoves Emprendedores

O encontro será en Ciencias da Educación do Campus Vida. Foto: Santi Alvite
O encontro será en Ciencias da Educación do Campus Vida. Foto: Santi Alvite
Desenvolverase os días 11 e 12 de abril na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida)

A décima edición do Encontro Internacional de Xoves Emprendedores (EIJE) desenvolverase os días 11 e 12 de abril na Facultade de Ciencias da Educación compostelá (Campus Vida) organizada pola Area de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC. Ao longo das dúas xornadas o alumnado universitario así como egresadas e egresados participantes presentarán nun concurso ideas de negocio en fase temperá e como novidade este ano tamén ideas de negocio en fase madura (proxectos). O prazo de inscrición para participar no concurso permanece aberto ata o vindeiro 1 de abril.

O seu principal obxectivo é contribuír á formación do alumnado para que adquira competencias e coñecementos relacionados co mundo empresarial así como poder participar no concurso que este ano ten como temática o emprendemento e sustentabilidade, con atención especial ao impacto social e ambiental dos negocios.

O EIJE iniciouse en 2014 a iniciativa da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e a Escola Superior de Ciencias Empresariais do Instituto Superior Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) coa intención de dinamizar o espírito emprendedor entre o alumnado  das universidades da Raia España-Galicia-Portugal. Na edición deste ano participan, ademais da USC e o IPVC, a Escola de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC), a Universidade Católica Portuguesa - Centro Regional de Braga, a Universidade de Vigo, os Institutos Politécnicos de Viseu e de Bragança e a Escola Politécnica Superior de Zamora da Universidade de Salamanca.

Por cada universidade participarán arredor de 30 alumnas e alumnos dos estudos de grao e mestrado das institucións de ensinanza superior asociadas do EIJE. O núcleo central do evento son as sesións de presentación en formato pitch que poden realizarse de forma individual ou en equipo.

Un xurado profesional proposto por todas as entidades colaboradoras valorará os proxectos presentados para finalmente outorgar catro premios aos máis valorados.

The contents of this page were updated on 03.25.2024.