Skip to main content

Abre a inscrición no programa ÍCARUS para a aplicación social e económica dos traballos académicos de alumnado da USC

O prazo de inscrición no certame remata o día 28. Foto: Santi Alvite
O prazo de inscrición no certame remata o día 28. Foto: Santi Alvite
O prazo para participar neste concurso remata o día 28

Estimular no alumnado universitario unha reflexión sobre a aplicación social e económica do coñecemento contido nos seus traballos de fin de grao (TFG), mestrado (TFM) e teses de doutoramento é o obxectivo do programa ÍCARUS que un ano máis pon en marcha a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC. Dirixido a toda a comunidade universitaria de Santiago e Lugo, o prazo de inscrición permanece aberto dende hoxe e ata o día 28.

ICARUS é unha iniciativa a modo de concurso que premia o enfoque socioeconómico dos traballos académicos do alumnado da USC nunha sorte de voo de Ícaro que se atreveu a aplicar o coñecemento e o enxeño para poder chegar máis aló da illa na que estaba confinado. Deste xeito, ÍCARUS trata de estimular o estudantado a sacar o seu coñecemento do límite da súa utilidade académica para imaxinar e explorar outras posibilidades.

Calquera estudante que desexe presentarse ao programa ICARUS debe cumprir uns requisitos tales como ter realizado a defensa do TFG/TFM/Tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela nos 2 últimos anos académicos e cunha cualificación mínima de aprobado.

O programa repartirá un total de 20.000 euros, distribuídos en 20 premios. Na modalidade de tese de doutoramento, por cada área de coñecemento darase un primeiro premio de 1.300 euros e un segundo de 850, existindo a posibilidade dun accésit de 250€. Pola súa banda, na categoría de TFG e TFM os premios serán de 1.100 ou 650 euros (1º e 2º, respectivamente), podendo haber tamén un accésit.

The contents of this page were updated on 05.10.2024.