Skip to main content

Os Encontros na USC citan no Campus de Lugo máis de 450 estudantes de ensino medio de 10 centros educativos

Alumnado de ensino medio, diante da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo
Alumnado de ensino medio, diante da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo
O programa, a través do que se pretende dar a coñecer as instalacións, servizos a e oferta de títulos da sede universitaria luguesa ao alumnado preuniversitario, ten continuidade este mércores cunha nova xornada de visitas ás diferentes facultades e escolas do Campus de Lugo na que participarán outros 500 estudantes

O programa Encontros na USC cita este martes na sede universitaria luguesa máis de 450 estudantes de ensino medio procedentes de dez centros educativos das provincias de Lugo e A Coruña. A xornada promovida a través do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, deu comezo ás 10.30 horas, diante da Biblioteca Intercentros, coa recepción do estudantado preuniversitario chegado do IES Sanxillao, CPI Pecalama (Tordoia), CPI Dr. López Suárez, IES Xoán Montes, IES Enrique Muruais, IES Plurilingüe San Rosendo, IES Leiras Pulpeiro, IES Ánxel Fole e IES de Arzúa. Máis de 100 dos estudantes inscritos nesta quenda dos Encontros da USC iniciaron o seu periplo polo Campus de Lugo na Facultade de Formación do Profesorado para logo desprazarse ata o Complexo Docente e coñecer así os títulos de grao en Xestión Cultural e Relacións Laborais.

A coordinadora do programa A Ponte entre a USC e o Ensino Medio no Campus de Lugo, Guadalupe Vila foi a encargada de dar a benvida ao alumnado preuniversitario no punto de encontro, desde o que o estudantado, distribuído en grupos en función dos seus intereses e preferencias académicas, terán a ocasión de coñecer as instalacións, servizos, así como as facultades e escolas da sede universitaria luguesa. En quenda de tarde, a mocidade interesada tamén poderá participar nunha visita á residencia ‘Jesús Bal y Gay’.

Os Encontros na USC, un programa orientado a dar a coñecer ao alumnado de ensino medio as instalacións docentes e os laboratorios de investigación, ademais das distintas titulacións de grao impartidas na sede universitaria luguesa, terán continuidade este mércores cunha nova quenda de visitas. Nesta ocasión, está prevista a participación de 495 estudantes procedentes de 8 centros: CPI Luis Díaz Moreno, IES Vilar Ponte, CPR Plurilingüe Nuestra Señora de la Asunción, IES Gregorio Fernández, CPR Plurilingüe San José, CPR Plurilingüe Divina Pastora Salesianos Lugo, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e IES Terra Cha José Trapero Pardo.

 

The contents of this page were updated on 04.03.2024.