Skip to main content

Tempo de danza na USC

Os Encontros de Danza serán en abril en Santiago e Lugo
Os Encontros de Danza serán en abril en Santiago e Lugo
Chega a Santiago e Lugo o mellor da danza universitaria galega

Un ano máis, e xa van máis de 20, chega este mes de abril á Universidade de Santiago o Encontro Universitario de Danza (EUD), unha das actividades máis destacables e visibles do Espazo de Danza da USC que busca favorecer o intercambio cultural a través da danza e achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade.

Incluído na programación Primavera Cultural da USC e que este ano chega á súa vixésimo segunda edición, o EUD é a mellor mostra de que a danza ten acadado unha dimensión transversal entre os membros da comunidade universitaria de Santiago e Lugo.

Os días 15 e 16, en Santiago

A 22 edición do EUD acollerá os días 15 e 16 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Principal, a presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. Á Compañía de Danza da USC, nacida ao abeiro do Espazo de Danza da USC e baixo a dirección de Juan Carlos Zahera, únense as Aulas de Danza do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña.

A Aula de Danza da Universidade de Coruña abrirá o programa de representacións o luns 15 de abril coa peza '... E todo o demais non importa'. A continuación chegará ‘Migracións', obra da Compañía de Danza da USC coreografada por Rosa Acuña, que nesta ocasión reúne as tres compañías da USC -campus de Compostela e Lugo e Sen Vergoña- nunha soa produción que trata das diferentes migracións que se poden dar nun ser humano, dende as células do organismo á supervivencia, cambio, adaptación, aprendizaxe e necesidade que xorden da nosa vida.

Xa o martes 16 presentarase ao público compostelán a Aula de Danza do Campus de Ourense coa obra titulada 'Bolero' coreografada por Nuria Sotelo. De seguido, e rematando o Encontro de Danza da USC, actuará de novo a Compañía de Danza da USC coa coreografía 'Migracións'.

A entrada é libre e gratuíta para todas as representacións, previo paso polo despacho de entradas a partir das 18.00 horas.

25 e 26 de abril en Lugo

En Lugo, o XXII Encontro Universitario de Danza citará os días 25 e 26 de abril no Museo Interactivo de Historia (MIHL) as mesmas tres formacións artísticas galegas que presentarán outras tantas montaxes ao público lugués. A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’. De seguido, a compañía de danza da USC achegará ao público a súa proposta creativa interxeneracional ‘Migracións’.

A formación da USC repetirá actuación no mesmo escenario o venres 26, una vez que remate a intervención da compañía de danza do Campus de Ourense da UVigo, que presentará, tamén a partir das 20.30 horas, na Caixa Negra do MIHL, a coreografía ‘Bolero’.

Espazo de Danza da USC

O Espazo de Danza da USC foi no seu día unha iniciativa pioneira na universidade española, concibida como xermolo dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 40 montaxes coreográficas e a realización de máis de 300 actuacións e intervencións así como a presenza en mais dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas.

The contents of this page were updated on 04.09.2024.