Skip to main content

Abre en Fonseca a exposición ‘Xéneros e números’ do escultor Álvaro de la Vega

Imaxe dunha das pezas da mostra. Foto: Santi Alvite
Imaxe dunha das pezas da mostra. Foto: Santi Alvite
A mostra poderá verse no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca ata o 25 de maio, de luns a venres, en horario de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas.

O escultor lugués Álvaro de la Vega inaugurou este xoves no Colexio de Fonseca a exposición ‘Xéneros e números’, na que propón agrupamentos abigarrados de mulleres e homes tallados en madeira que nos observan, que se fan observar ou que se desprazan emerxentes e decididos, sen mirar atrás.  “Trato de pór o foco sobre a atmosfera que crea a disposición dos agrupamentos de individuos fronte á figura illada dun neno espido á vez que sobre as sombras que se proxectan en cada un dos corpos”, explicou.

No acto inaugural interviñeron ademais a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que destacou da mostra a “grande expresividade das tres pezas, que enchen de significado o salón artesonado de Fonseca” e a comisaria da mostra, Cristina Carballedo, quen cualificou ao artista lugués de “referente da escultura contemporánea”.

A mostra preséntase como un espazo de encontro para tres obras, “un número curto que contén outros números: dous conxuntos grupais integrados por trinta e oito elementos que nos suxiren a densidade como idea vertebral da mostra e outra obra, solitaria e espida no medio das multitudes”, explica o autor.

Segundo o autor, a disposición das figuras xera “a atmosfera propicia para conducir a mirada sobre un itinerario de máxima aproximación a todo o que pode conmover e dar sentido á inevitable reunión de autor, obra, espectador”.

A mostra poderá verse no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca ata o 25 de maio, de luns a venres, en horario de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas.

O autor
Álvaro de Vega (Paradela, Lugo) cursa estudos de Belas Artes en Barcelona, iniciando os seus proxectos escultóricos a partir dos anos 90 tomando como punto de partida a figura humana e animal, traballando con distintos materiais como madeira, ferro, cerámica ou pedra.

É autor, entre outros monumentos públicos, do  Cabalo III nos  exteriores do Museo Comarcal da Fonsagrada, do Tensión III  en Corcubión, 'Heraldos del encuentro' en Viveiro, ou a homenaxe a Federico García Lorca na  Alameda de Santiago de Compostela.

Conta no seu haber con numerosas exposicións individuais en toda a Península Ibérica e a participación en importantes montaxes colectivas. As súas obras forman parte hoxe, entre otras, das coleccións dos museos de Belas Artes de A Coruña, Provinciais de Ourense e Lugo, Etnográfico de Fonsagrada, Casa do Home da Coruña, Museo Barradas de L’Hospitalet de Llobregat, Fundación Caixanova, Colección de Arte Contemporáneo Gas Natural-Unión Fenosa, Fondos d’art da Caixa de Barcelona, fondos de Arte Caja Postal, Universidade de Santiago de Compostela, Deputación Provincial da Coruña e concellos de Vigo, Paradela ou O Saviñao.

The contents of this page were updated on 04.04.2024.