O proxecto Erasmus+ ‘EduCinema’ liderado pola USC, recoñecido como modelo de boas prácticas pola Unión Europea
O proxecto Erasmus+ ‘EduCinema’ liderado pola Universidade de Santiago vén de ser recoñecido como modelo de boas prácticas na Unión Europea. O recoñecemento chega á par que a valoración como ‘moi bo’ do programa, con 92 puntos nunha escala de 100, do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), encargado de xestionar os programas internacionais Erasmus.
EduCinema, desenvolvido entre os anos 2021 e 2023, tivo como investigador principal o catedrático da USC José Antonio Caride, que traballou xunto co profesor asociado Francisco Sóñora. O profesor da USC xulga moi positivamente o novo logro e lembra que xa no ano 2021 fora “o proxecto mellor valorado” na convocatoria sobre innovación e creatividade polo SEPIE. Para Caride, o novo recoñecemento europeo supón unha “enorme satisfacción como grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) pero tamén como Universidade, xa que foi a USC a coordinadora da participación das outras Universidades de Bolonia e Aveiro, ademais de centros educativos de Educación Secundaria con sede en Portugal, Polonia e España (Canarias e Galicia)”.
EduCinema
O proxecto EduCinema Clima Tour Action ‘Creatividade Colectiva e Educación Comunitaria na Alfabetización Cinematográfica para un Turismo de Acción polo Clima’ focalízase no cine como recurso pedagóxico e social. Busca a alfabetización climática de estudantes de entre 15 e 17 anos que tiveron que crear unha película de cine musical, integrando escenarios en diferentes países e contextos de interese para o turismo verde. Ademais, entre outras moitas accións, produciron diversos e-book sobre a linguaxe do cine ou o teatro musical e deseñáronse prácticas de laboratorio para realizar en stands escolares en lugares científicos.
En esencia, o proxecto buscaba promover a alfabetización cinematográfica para a promoción de boas prácticas de educación ambiental que, ademais de contribuír ao fomento de valores, actitudes e comportamentos ecolóxica e socialmente responsables, favorezan a atracción de persoas visitantes e turistas que se sintan partícipes de accións polo clima en destinos turísticos.