Skip to main content

Docentes e investigadores da USC difunden o resultado dos seus traballos na serie ‘Universo sostenible’ de La2

Presentación da primeira peza audiovisual desta temporada
Presentación da primeira peza audiovisual desta temporada
O espazo multimedia xorde da colaboración das universidades da CRUE con RTVE e forma parte do programa ‘La aventura del saber’, que acaba de estrear a sétima temporada

A profesora da USC e investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) Ana Isabel Rodríguez é unha das especialistas que protagoniza o primeiro programa da sétima temporada da serie multimedia ‘Universo sostenible’, estreada esta semana e que forma parte do programa ‘La aventura del saber’ de La2 de RTVE.

Este primeiro capítulo está dedicado a COVID persistente. Actualmente, non existe un tratamento eficaz, e hai varias hipóteses sobre as súas causas, tal como explica en ‘Universo sostenible’ a profesora Rodríguez, quen dá conta tamén dos esforzos en investigación que buscan dar unha solución para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.

A serie é coproducida por Crue Universidades Españolas, entidade da que forma parte a USC, e componse de reportaxes nas que representantes da comunidade científica explican, de xeito sinxelo, proxectos de investigación que terán impacto no futuro próximo, o que axuda a divulgar o traballo que desenvolven. No caso da USC amósase unha pequena mostra dos moitos traballos que se están desenvolvendo nas distintas facultades e centros de investigación e nas diferentes áreas de coñecemento da Universidade.

A maiores, a Universidade creou unhas pequenas pezas audiovisuais con subtítulos en galego baixo o título ‘Investigamos na USC’ coas intervencións das persoas expertas que participan nos distintos capítulos da serie ‘Universo Sostenible’ e que se poden ver na canle de YouTube da USC. A primera peza é a da profesora Rodríguez. Así mesmo, integran este espazo as intervencións no programa de docentes e persoal investigador en anteriores temporadas da serie, na que se falou de vacinas, tecnoloxía para educación, enfermidade de Parkinson, nutrición, o perigo dos microplásticos, a nanotecnoloxía farmacéutica, a diabete e as cubertas ecolóxicas.

The contents of this page were updated on 04.05.2024.